Os alumnos do CIFP Ferrolterra inician a súa formación práctica nas instalacións de NEDGIA Galicia

Os alumnos do CIFP Ferrolterra inician a súa formación práctica nas instalacións de NEDGIA Galicia Corporativo

A filial do grupo Naturgy e a Xunta de Galicia impulsan a formación profesional dual para promover a inserción laboral da xuventude.

Ferrol, 1 de febreiro de 2019.- Un total de 14 alumnos do curso do ciclo formativo de grao superior de Instalacións de Produción de Calor do CIFP Ferrolterra inician hoxe a súa formación práctica nas instalacións de NEDGIA Galicia, no marco do acordo asinado coa Xunta de Galicia para impulsar a Formación Profesional Dual en Galicia.

Durante os sete meses que dura a estadía na empresa, e que se repetirá con cada novo curso ata o 2021, os alumnos recibirán formación práctica por parte de NEDGIA Galicia en técnicas de execución e mantemento da rede de distribución de gas e das súas instalacións auxiliares asociadas (estacións de regulación e medida ou plantas de GNL e GLP, entre outras). Os futuros operarios tamén recibirán nocións sobre seguridade industrial, prevención de riscos laborais e aspectos propios de negocio.

Os alumnos do novo proxecto de FP Dual do centro educativo ferrolán, que iniciaron o ciclo o pasado mes de setembro, desenvolverán case a metade das 2.000 horas de formación nos centros de traballo de NEDGIA Galicia.

Esta iniciativa xorde do acordo asinado entre a distribuidora do grupo Naturgy en Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para promover a Formación Profesional Dual a través dun sistema de bolsas e favorecer a inserción laboral da xuventude galega. Esta modalidade educativa permite que o estudante combine, durante tres anos, a súa formación no centro educativo coa aprendizaxe na compañía para adaptar os seus coñecementos prácticos ás necesidades produtivas da empresa e preparalo para o futuro mercado laboral.

Contribución á inserción laboral da xuventude

O acordo subscrito coa Xunta de Galicia reforza a responsabilidade social de NEDGIA Galicia e a súa contribución á inserción laboral da xuventude. A empresa incorporou a formación profesional dual (FP Dual) ás súas liñas estratéxicas de formación e recursos humanos, e quere participar activamente na transformación do modelo educativo e profesional con esta modalidade formativa, que combina a formación coa actividade empresarial, axustándoo á realidade do mercado laboral. A compañía ten previsto estender a FP Dual a outras comunidades nas que conta con actividade empresarial.

Presenza en Galicia

NEDGIA Galicia subministra gas natural a 78 municipios, o que supón que preto do 70% da poboación ten acceso a esta fonte de enerxía. Conta con máis de 280.000 puntos de subministración e unha rede de distribución que supera os 3.200 quilómetros.