A Asemblea Xeral de ECO-GATE acordou as solucións innovadoras que implantará nas 21 gasineiras para desenvolver en catro países

A Asemblea Xeral de ECO-GATE acordou as solucións innovadoras que implantará nas 21 gasineiras para desenvolver en catro países

A Asemblea Xeral de ECO-GATE, o plan de acción global para o desenvolvemento da mobilidade sustentable en Europa, aprobou na mesma sesión o seu novo logo e identidade visual.

A reunión da Asemblea Xeral de ECO-GATE acordou as solucións innovadoras concretas que desenvolverá e implantará nas 21 gasineiras que se van poñer en marcha en España, Francia, Portugal e Alemaña, no marco do plan europeo de acción global para o desenvolvemento da mobilidade sustentable, iniciativa que lidera NEDGIA, a empresa de distribución de gas natural do grupo Gas Natural Fenosa.

Na mesma sesión, ECO-GATE aprobou tamén o seu novo logo e identidade visual, que xa empezou a implantar no seu plan de difusión.

Entre as diferentes solucións innovadoras que ECO-GATE decidiu aplicar, destacan as innovacións tecnolóxicas e operacionais para levar a cabo melloras nas infraestruturas de gas natural licuado (GNL) e de gas natural comprimido (GNC), combustibles e servizos loxísticos, que van encamiñadas a realizar de forma máis eficiente a carga dos vehículos e a reducir os custos de explotación das estacións de servizo.

Tamén se realizarán pilotos reais con solucións avanzadas para a transformación de vehículos a GNC e GNL, para mellorar a súa eficiencia, reducir custos e mellorar prestacións.

Adicionalmente, ECO-GATE desenvolverá unha plataforma de pagamento universal e implantará pilotos reais do uso do gas renovable (hidróxeno e biometano) na mobilidade.

En canto ao novo logotipo que foi aprobado pola Asemblea Xeral, este xoga co verde e o azul en alusión á enerxía sustentable, que representa o uso do gas natural na mobilidade. O símbolo reflicte os atributos de eficiencia e contribución ambiental do gas natural nunha contorna marcada pola necesidade de reducir a contaminación e de avanzar na descarbonización.

 

25 empresas de catro países conforman ECO-GATE

Representantes das 25 empresas participantes de España, Portugal, Francia e Alemaña asistiron á reunión da Asemblea Xeral que tivo lugar na sede de NEDGIA en Madrid.

A Unión Europea aprobou financiar con 10 millóns de euros o proxecto ECO-GATE, que dirixe e coordina NEDGIA, como líder dun consorcio integrado por operadores de gas natural, provedores de tecnoloxías e servizos, usuarios finais e expertos en coñecementos de mercado e promoción de España, Portugal, Francia e Alemaña.

O proxecto implica a construción de 21 gasineiras nos corredores Atlántico e Mediterráneo da rede de estradas de España, Francia, Alemaña e Portugal. Para iso, o financiamento co que conta ECO-GATE repártese entre os catro países e permitirá o desenvolvemento de gasineiras en Barcelona, Xirona, Burgos, Madrid, Murcia, Salamanca, Irún, Tordesillas, La Junquera, Córdoba e Cartaxena, Lisboa, Setúbal, Maia, Aveiro, Tours e Heddesheim, entre outras cidades.

 

Sobre o consorcio ECO-GATE

O plan global europeo ECO-GATE é un dos máis ambiciosos no mercado vehicular de gas natural convencional e renovable con despregamento de infraestrutura ao longo do corredor Atlántico e o corredor Mediterráneo, a través de novas tecnoloxías e solucións innovadoras. ECO-GATE fará posible o despregamento rápido e masivo deste combustible alternativo grazas a unha redución significativa do custo unitario e a unha mellor comprensión e maior coñecemento das necesidades dos clientes.

Forman parte de ECO-GATE, como operadoras de gas natural: NEDGIA, Enagás Transporte, Dourogás Natural, Endesa Energía, Galp Energía, Repsol, Gas Natural Europe, Inversora Melofe e Molgas Energía; como provedores de tecnoloxías e servizos: Cetil Dispensing Technology, Soltel It Solutions, Fundacion Cidaut, Evarm Innovación, Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro, Fundación Imdea Energía, Audigna, Ghenova Ingeniería e Madisa; como usuarios finais: Correos e San José López; e como expertos en coñecemento de mercado e promoción: Gasnam, Autoridade Portuaria de Xixón, Autoridade Portuaria de Huelva, Universidade de Santiago de Compostela e Soulman Insightful Thinking.

Ademais, ECO-GATE, o plan de acción global para o desenvolvemento da mobilidade sustentable en Europa, conta co apoio e interese de Ministerio de Industria de España e a Direçao Geral de Energia e Geologia de Portugal, ademais da Asociación Española do Gas (SEDIGAS) e a Asociación europea de gas natural e gas renovable para a mobilidade (NGVA Europa).

 

Sobre NEDGIA

NEDGIA é a compañía de distribución de gas natural do grupo Gas Natural Fenosa en España, onde está presente a través de 11 compañías distribuidoras. Actualmente supera os 5,3 millóns de puntos de subministración e conta con máis de 51.000 quilómetros de redes en máis de 1.100 municipios de España.

Entre as apostas de futuro de NEDGIA, salientan a decisiva contribución do gas natural para a mellora da calidade do aire nas cidades españolas, especialmente a través do uso do gas natural na mobilidade, o desenvolvemento de infraestruturas e a expansión de puntos de subministración —que fagan posible que máis cidadáns poidan dispoñer de gas natural— e, tamén, a aposta por solucións innovadoras, como o gas renovable.

Madrid, 12 de xuño de 2018.

Descargar en pdf

Compartir