Aeroxerador para unha casa? Vantaxes e inconvenientes

¿Aerogenerador para una casa? Ventajas e inconvenientes

Descubre como se xera a enerxía eólica, os seus beneficios e limitacións e a súa importancia na transición enerxética.

Resumo rápido 

A enerxía minieólica doméstica é un tipo de enerxía renovable que utiliza un aeroxerador de pequenas dimensións co obxectivo de converter a forza do vento en electricidade a escala doméstica. Trátase dunha alternativa cada vez máis valorada por quen busca implementar solucións para a transición enerxética e o medio ambiente no seu fogar.

As claves deste sistema son as seguintes:

  • Como funciona un aeroxerador doméstico: aproveita a forza do vento mediante unhas pas incorporadas que xeran electricidade a través dun sistema de rotores.
  • Vantaxes: permite a xeración propia de electricidade e reduce a necesidade de depender exclusivamente de fontes de enerxía externas.
  • Desvantaxes: crea dependencia das condicións reais do vento e pode ocasionar certas molestias, como ruídos pola situación do aeroxerador.
  • Cando paga a pena: resulta viable en contornas con alta exposición ao vento, aínda que se recomenda combinalo sempre con sistemas de apoio ou alternativos, como o gas.
  • Requisitos antes de instalar: para que sexa posible, é obrigatorio contar con espazo dabondo, cumprir estritamente coa normativa local e asegurar unha velocidade mínima de vento na zona.

Que é un aeroxerador ou turbina eólica doméstica?

O uso de aeroxeradores para a xeración de enerxía coñécese amplamente como enerxía eólica. A enerxía eólica, ademais de ser útil a través de grandes sistemas —coñecidos comunmente como “muíños de vento” ou máis concretamente aeroxeradores industriais—, tamén está dispoñible para o uso particular ou residencial, alén da industria eólica, a través de xeradores máis pequenos e doados de instalar. 

Neste caso, trátase da enerxía minieólica e está enfocada en proporcionar enerxía a vivendas individuais, pequenas comunidades ou negocios. 

Como comentabamos, do mesmo xeito que existen grandes muíños para uso industrial co obxectivo de conducir enerxía á rede, tamén existen dispositivos de tamaño moito máis reducido para uso residencial, cunha instalación moito menos complexa e, abofé, menos potentes. 

Podémolos clasificar en aeroxeradores domésticos verticais ou horizontais. 

Os aeroxeradores de eixe horizontal contan cun eixe de rotación situado de forma paralela ao chan e son os máis utilizados na actualidade. O eixe de rotación está na parte superior do mastro e traballan sobre un sistema de pas de diferentes tamaños que absorben a forza do vento. Serían a versión en pequena escala dos grandes muíños de vento. 

Teñen que orientarse de xeito constante cara á dirección do vento para conseguir o máximo rendemento, polo que incorporan tamén un catavento ou motor eléctrico, así poden logralo automaticamente sen intervención manual. 

Os aeroxeradores de eixe vertical dispoñen de pas que rotan arredor dun eixe central vertical; ademais, contan con tres vantaxes fronte aos de eixe horizontal, que, como viamos, son os máis utilizados, pero non os máis eficientes. En primeiro lugar, a fixación das pas presenta un doado deseño e execución. Non precisan orientarse para capturar a enerxía do vento. Tanto o tren de potencia como o xerador e o transformador poden situarse doadamente ao raso do chan. 

Ao igual ca outros tipos de enerxía que coñezamos, trátase dunha enerxía renovable, como a enerxía solar ou a mareomotriz.

Como funciona un aeroxerador doméstico?

Como xa comentabamos, os aeroxeradores para uso doméstico verticais non son máis eficientes ca os de eixo horizontal, porén, polo seu deseño e tamaño, si son moito máis apropiados para utilizalos en contornas domésticas, por seren moito máis recollidos e ocuparen menos espazo e, polo tanto, son os máis recomendados.

Un aeroxerador vertical funciona da seguinte forma:

  1. O vento move as pas grazas ao aire que corre ao seu redor, que fai virar o rotor. 
  2. O rotor, que se atopa no centro do ventilador, transmite o xiro ao eixo, directamente á zona onde se atopa o xerador. 
  3. O xerador transforma o movemento en electricidade. 
  4. O inversor adapta a enerxía para consumo doméstico ou baterías e encárgase de subministrala á rede da casa.

Partes dun aeroxerador

Se tivésemos que describir como é un aeroxerador por dentro, teriamos os seguintes elementos: 

  • Pas: os materiais máis habituais son o plástico técnico, a fibra de vidro ou a fibra de carbono. 
  • Rotor e buxa: entre ambos forman un conxunto que recolle a enerxía do vento e a transmite ao eixo. 
  • Multiplicador: aumenta a velocidade de xiro antes do xerador (segundo o modelo). 
  • Góndola: estrutura onde se sustenta o xerador e os elementos mecánicos.

Tipos: aeroxerador vertical e horizontal

Como xa comentamos, á hora de escoller o mellor aeroxerador é vital informarse e mesmo contar coa asistencia de empresas especializadas neste tipo de instalacións. Isto é debido a que en cada zona dispoñemos de refachos de vento diferentes, estacionalidade (tempo cambiante ou condicións adversas), subvencións ou mesmo limitacións á hora do seu uso por motivos ecolóxicos ou técnicos (por exemplo, se residimos preto dun aeroporto). Como recomendacións principais, poderiamos dar as seguintes, resaltando sempre a importancia de contar con persoal especializado. Se tivésemos só en conta o tipo de eixo, poderiamos dicir que a diferenza fundamental é: 

  • Aeroxeradores de eixo horizontal: adoitan render mellor con vento constante e cunha boa orientación en zonas amplas e chairas. 
  • Aeroxeradores verticais: poden adaptarse mellor a ventos cambiantes, con menor rendemento medio, pero máis axeitado para zonas escarpadas ou climas máis variables. Como xa comentamos, son a mellor opción na maior parte dos casos.

Vantaxes e inconvenientes de ter un muíño eólico doméstico

As vantaxes ou beneficios de contar cun aeroxerador son os seguintes: 

  • A vantaxe fundamental é dispoñer de enerxía autónoma propia: non depender unicamente de fontes externas á hora de consumir enerxía. 
  • Facilidade de instalación: os aeroxeradores máis pequenos son sinxelos de instalar e veñen preparados nun kit. Con todo, se o que queremos é un modelo grande e potente, deberemos contratar os servizos dun profesional que nos asesore e instale os aparellos, sobre todo se o pretendemos poñer no tellado. Isto supón que a suma total da compra se dispare bastante á alza fronte a un kit que podamos atopar nunha tenda ou un portal de comercio electrónico. 
  • Posibilidade de integración nun sistema híbrido: recomendamos sempre os sistemas híbridos que poidan ser autónomos e que non afecten á capacidade de xeración de enerxía nas vivendas, especialmente nas empresas. Ademais, cómpre dispoñer sempre de alternativas como o gas verde (ou biometano), que non diminúe a capacidade de produción ou o traballo diario, polo que supón unha alternativa sostible e viable orientada a impulsar a descarbonización e con beneficios tanxibles. 

Entre as desvantaxes ou limitacións, salientamos as seguintes: 

  • Cómpre avaliar a potencia que subministrarán: é a especificación máis importante nestes xeradores, que irá dende uns watts ata varios quilowatts. Se o que buscamos é xeración auxiliar, abonda cun modelo de 400-600 watts, pero, se queremos alimentar a vivenda, hai que recorrer a equipos caros e grandes que poidan superar os 3.000-4.000 watts, ademais de contar sempre con alternativas para cando decaia a forza do vento. Esta é a súa desvantaxe fundamental: dependemos do recurso eólico real, non só do vento que faga puntualmente, para poder garantir a correcta subministración. 
  • En moitos casos, como en comunidades de veciños ou en comunidades de casas unifamiliares ou acaroadas, deberemos obter sempre o correspondente permiso da Administración, o que leva tempo e diñeiro. 
  • Precisaremos espazo no tellado ou no noso predio para poder instalalos. 
  • Todos os sistemas, ademais do investimento inicial, requiren dun mantemento continuado, que implica apertar os parafusos, comprobar os niveis de aceite e garantir a limpeza. Estes serían os mínimos que deberiamos cumprir, ademais, débese facer de forma semestral coa supervisión visual diaria necesaria para calquera incidente que puidese ocasionar o mal tempo.

De que depende o aforro real?

O aforro real, tendo en conta que a independencia enerxética é imposible con este sistema, dependerá de: 

  • A velocidade media de vento e a constancia deste (mínimo orientador 4-5 m/s). 
  • Os obstáculos e turbulencias (como outros edificios, árbores ou follaxe, e o relevo do terreo). 
  • A eficiencia do equipo e a elección de potencia. Avaliaremos moi ben a potencia que subministrarán: é a especificación máis importante nestes xeradores, que irá dende uns watts ata varios quilowatts. Se o que buscamos é xeración auxiliar, abonda cun modelo de 400-600 watts, pero, se queremos alimentar a vivenda, hai que recorrer a equipos caros e grandes que poidan superar os 3.000-4.000 watts, ademais de contar sempre con alternativas para cando decaia a forza do vento, como a enerxía solar ou o gas verde. 
  • Contar co respaldo do gas verde: é un combustible renovable que non produce emisións netas de CO2 e contribúe a frear o cambio climático.

Cando paga a pena instalar un aeroxerador na casa?

Instalar un aeroxerador doméstico ten sentido en vivendas illadas con alta exposición ao vento (zonas rurais e predios). Funciona mellor se se combina con outras fontes de enerxía (solar, rede ou gas) para cubrir períodos sen vento. En cidades densas ou pisos, o rendemento adoita ser baixo polos obstáculos, turbulencias e limitacións de espazo. Como vimos repetindo, sempre se terán que buscar alternativas para manter a enerxía de forma constante, xa for a través de enerxías alternativas ou de baterías.

Que se debe ter en conta antes de instalar (requisitos básicos)

Antes de instalar, é moi importante que teñamos en conta as seguintes limitacións: 

  • Cumprir coa normativa legal: debemos deixar constancia de que contamos con distancia suficiente con respecto a outras vivendas para facer a instalación e certificar a instalación se for preciso. 
  • A forza do vento: teremos que realizar un estudo e valorar nós mesmos, ou con axuda dun profesional, se imos contar cunha velocidade media constante ao longo do ano e se paga a pena a instalación. Precísase vento cunha velocidade mínima de 4 ou 5 metros por segundo para que se mova o aeroxerador. 
  • Ter espazo suficiente: as instalacións máis potentes requiren dun terreo cun mínimo de 3 ou 4 metros de diámetro. 
  • Ordenanzas municipais: cada concello establece os trámites que se deben cumprir, polo que teremos que actuar como en calquera obra caseira ou industrial e dispoñer das correspondentes licenzas.  
  • Ruído: as turbinas máis potentes xeran bastante ruído, porén, tamén o haberá en calquera tipo de instalación por moi pequena que sexa. 
  • Enerxía eólica en cidades: a multitude de obstáculos fará que se reduza moitísimo a capacidade de xerar enerxía. 
  • Non podemos predicir a existencia de vento a moi longo prazo. 

Neste sentido, tras considerar as diferentes variables que debemos atender, o punto principal antes de investir sempre será realizar un estudo de viabilidade do vento como sistema enerxético para a nosa casa.

Preguntas frecuentes sobre a enerxía eólica doméstica

  • Que é a minieólica doméstica e un aeroxerador caseiro?
    É un tipo de enerxía que converte a forza do vento en electricidade a pequena escala. Un aeroxerador doméstico ou caseiro é un tipo de ‘muíño de vento’ adaptado ás necesidades dunha casa en canto a materiais, dimensións e forma.
  • Canto custa un aeroxerador doméstico?
    Sen ter en conta o estudo previo e a instalación, un aeroxerador caseiro, que podemos comprar en venda ao público, como Amazon, adoita acadar os 400 ou 500 €, todo isto dependendo do modelo. 
  • De que están feitas as pas dun aeroxerador?
    As pas dun aeroxerador doméstico están deseñadas en plástico técnico, fibra de vidro ou fibra de carbono. 
  • Que potencia necesito para casa: un aeroxerador de 3.000 W ou de 5.000 W?
    Todo depende das necesidades que teñas na túa casa: isto é como en calquera vivenda á hora de contratar o termo de potencia para a electricidade ou o gas. 
  • Canto vento fai falta para que funcione un aeroxerador doméstico?
    O mínimo orientador é de 4-5 m/s de velocidade do vento. 
  • Fai moito ruído un muíño eólico doméstico?
    Fai, pero nese sentido avanzouse moito en reducilo nos novos modelos de aeroxeradores domésticos. 
  • Pódese instalar un aeroxerador na cidade ou nun piso?
    Si, mesmo hai comunidades de vivendas que teñen instalados aeroxeradores como parte do proxecto global das vivendas. De todos os xeitos, é un método que só se podería utilizar nas cidades en determinados lugares, onde si corra o vento, como en zonas elevadas. 
  • Que fago se non hai vento?
    Cando non hai vento non contamos coa enerxía procedente do aeroxerador, polo tanto, ou dispoñemos de baterías que poidan acumular enerxía desta e doutras fontes, como a solar, ou dispoñemos dunha instalación híbrida que conte con sistemas de apoio, como o gas verde, que, ademais de servir como sistema de respaldo se non hai enerxía eólica, contribúe á redución de emisións.

Compartir