Cociñar con gas: ¿natural ou butano?

Se te decidiches a cociñar con gas, cómpre coñeceres as principais diferenzas entre as dúas opcións máis habituais: natural e butano. Estas dúas alternativas teñen distintas características que desenvolveremos a continuación para axudarche a tomar unha decisión.

Principais diferenzas entre cociñar con butano e gas natural

As diferenzas entre cociñar cun gas ou o outro son relativamente mínimas. Sempre se lle atribuíron ao gas butano grandes facilidades á hora de cociñar, mesmo fronte a outras opcións eléctricas como a placa de indución ou a vitrocerámica. Polo tanto, cociñar con gas natural ou gas butano é unha decisión baseada fundamentalmente na comodidade e no prezo. Fronte ás opcións eléctricas está o aforro enerxético, a velocidade de cocción e o control da temperatura, que, para moitos cociñeiros, se converte nun aspecto fundamental.

Sempre que contemos cunha instalación de gas natural, esta opción será a preferida pola súa subministración continua, pola contra, se queremos cociñar con gas nunha terraza ou noutro tipo de localización á que non chegue a instalación de gas, verémonos obrigados a recorrer ao butano.

Como cociñar con butano? Propiedades

Propiedades do butano

En canto ás súas propiedades, o butano é todo un clásico no noso país e antigamente era a fonte máis utilizada. É unha mestura de hidrocarburos que proceden da refinación de petróleo. En condicións normais de temperatura e presión, o butano é un gas, pero se se somete a unha presión suficiente —por enriba de 2 atmosferas a temperatura ambiente— o gas licúase, é dicir, pasa ao estado líquido. Este principio utilízase para almacenalo en bombonas e cartuchos: aí o butano atópase en estado líquido grazas á presión interna do recipiente. Ao abrir a válvula e liberar o gas, este evapórase rapidamente e volve ao estado gasoso ao contacto co aire. Non cheira nin é tóxico, aínda que por seguridade se lle engade mercaptano para obter ese cheiro característico que todos recoñecemos.

Propiedades do gas natural

O gas natural é un hidrocarburo composto esencialmente por metano. Podemos atopalo en calquera parte do mundo, xa for nos depósitos situados nas profundidades terrestres ou nos océanos. Obtense directamente da terra sen necesidade de ningún tipo de transformación, de maneira que se consome exactamente igual a como se atopa na natureza. O gas natural é unha enerxía limpa, a menos contaminante dos combustibles convencionais, tendo en conta que emite á atmosfera menos dióxido de carbono.

Accesibilidade

En termos de accesibilidade, o butano é un tipo de enerxía ideal en contextos de baixo consumo ou cando non chega a rede de distribución de gas natural. Respecto das bombonas de butano, un técnico visitará a túa casa e realizará unha revisión das canalizacións necesarias, e a continuación farache un orzamento para a instalación segundo os custos derivados. Trátase dunha instalación pouco intrusiva e barata, levada a cabo por fontaneiros e empresas autorizadas. Cómpre teres en conta que debes prestar atención ao mantemento e á seguridade das instalacións e que, se optas por esta opción, precisarás contar cun espazo extra destinado ao almacenamento.

O gas natural é unha enerxía de doado acceso para quenquera que desexe dispoñer dela, xa que se canaliza para permitir a plena dispoñibilidade, non impacta na contorna e está presente nunha extensa rede de distribución de máis de 53.000 km que conecta máis de 5.3 millóns de puntos de subministración en máis de 1.000 poboacións. Se o gas natural chega á túa zona, terás que solicitar, á distribuidora que che corresponda por localización, unha conexión á rede de distribución de gas natural. A túa distribuidora farache un estudo e elaborará un orzamento aproximado, gratis e sen ningún compromiso. Poderás escoller a empresa instaladora que prefiras, entre toda a listaxe, para que acuda ao teu domicilio a corroborar ese orzamento aproximado. Se a nova instalación é para auga quente e cocción, tárdase a metade dun día e non precisa obras que requiran un grande investimento ou complexidade. No caso de que queiras calefacción, a instalación pode requirir 3 días, dependendo das características da vivenda.

Subministración

As cociñas de gas butano precisan substitucións regulares da bombona. Cargar co peso destes utensilios e ter que chamar o provedor son un grande escollo que produce incomodidade.

O gas natural é unha enerxía cómoda, e non se precisa substituír a bombona porque a subministración é continua. Este abastecemento prodúcese de forma ilimitada segundo as necesidades do usuario. Ademais, non precisa espazo de almacenamento.

Prezo e confort

En España, o prezo da bombona de butano tradicional (a laranxa de 12,5 kg) está regulado polo Goberno. O seu custo fíxase oficialmente e revísase cada dous meses, segundo o publicado no BOE. Actualmente, o prezo máximo regulado para a bombona é de 17,11 €, independentemente da compañía que a subministre. Con todo, existen no mercado bombonas de butano denominadas ‘libres’ ou de mercado liberalizado, que adoitan ser de distinto peso, materiais máis lixeiros ou formatos alternativos. O prezo destas bombonas non está regulado e fíxao cada distribuidora, polo que pode variar entre empresas, zonas xeográficas e mesmo dun mes ao outro. Estas bombonas adoitan ser máis caras que as reguladas porque inclúen unha marxe de beneficio para a empresa distribuidora e poden acadar, ou mesmo superar, os 21-22 € para envases semellantes ou máis pequenos.

Con gas natural poderás ter, ademais, calefacción, cun aforro importante fronte á electricidade ou o gasóleo, que che permite ter a calefacción acesa durante máis horas, sen prexudicar a túa economía. Isto xera unha temperatura media constante no fogar que con outras enerxías comprometería o teu peto, como no caso da electricidade. Ademais, como a subministración é constante elimínanse os cambios bruscos de temperatura, o cal se traduce en confort e aforro. Contarás cunha instalación de presente e de futuro, posto que o gas verde xa circula polas redes, e é unha enerxía renovable que ano a ano irá en aumento.

Compartir