Innovación en seguridade enerxética: o rol do gas natural verde

A transición enerxética que estamos a vivir precisa de fontes autónomas para conseguir enerxía. O gas verde ou biometano, creado a partir de residuos de todo tipo, é unha alternativa sólida para acadar independencia enerxética ao non depender de terceiros para obtelo.

Seguridade enerxética distribuída: microrredes e gas verde

Que é unha rede intelixente e como funciona con gas verde?

As microrredes son versións reducidas de sistemas enerxéticos centralizados, que adoitan coñecerse como macrorredes, e son os que utilizamos habitualmente para conseguir enerxía nas nosas casas ou empresas. Estas microrredes contan con diferentes formas de enerxía (solar, gas verde, eólica, combustibles tradicionais, xeradores…) e usan tecnoloxía dixital para poder operar. O gas verde ou biometano, ao poder almacenalo, permite que estas microrredes se manteñan funcionando mesmo cando outras enerxías renovables non están dispoñibles. As microrredes existen dende hai anos para manter en funcionamento hospitais, bases militares, campus de estudos etc., normalmente con xeradores de coxeración e motores propulsados por combustibles tradicionais. A diferenza coa actualidade é que moitas cidades están a tentar equiparse con sistemas de microrredes renovables para poder dar servizo a comunidades concretas e, tamén, para contar con sistemas alternativos en caso de emerxencia.

Que vantaxes ofrecen para a seguridade enerxética local?

As microrredes contan con moitas funcións, entre elas a de manter a seguridade enerxética a ámbito local. Ao dispoñer dunha fonte de enerxía propia, rompe a dependencia coas macrorredes e con outros países que poidan verse afectados por crises xeopolíticas ou de subministración. As microrredes promoven a independencia e garanten a seguridade, ao poder ser propietarios da infraestrutura e manexala a favor dos intereses dos usuarios desa rede.

Maior autonomía enerxética en comunidades locais

As microrredes con gas verde proporcionan independencia fronte ás redes máis deslocalizadas e que dependen de recursos externos. A combinación de enerxías renovables proporciona unha contorna segura para determinadas cidades ou infraestruturas que non poden depender da influencia doutros actores enerxéticos externos para funcionar.

Máis resiliencia ante desastres naturais ou fallos da rede

Cando se producen desastres naturais, en determinadas zonas ou mesmo noutras que poidan afectar á subministración dunha determinada cidade ou instalación, este tipo de microrredes permiten garantir a subministración ao contar con reservas de determinados activos enerxéticos, como o gas verde ou biometano.

De darse unha interrupción na subministración de gas natural por mor de calquera fallo en infraestruturas clave, ademais de contar con medidas para minimizar ese risco e prepararse ante posibles emerxencias, poderiamos contar coas nosas propias reservas grazas á produción local de gas verde. O mesmo acontece con outras enerxías, como a eólica ou a solar, que poden almacenarse en baterías e, en caso de catástrofe, utilizarse como reserva.

Almacenamento do gas verde en microescala

Unha das virtudes das microrredes, ou redes de enerxía locais, é a súa capacidade para utilizalas como reserva de enerxía grazas a diferentes sistemas de almacenamento.

Integración con sistemas de enerxía solar e eólica

O gas verde é sempre unha alternativa que permite equilibrar as reservas de enerxía en momentos de exceso de demanda ou ausencia de enerxías renovables. Un dos casos típicos é a ausencia de sol ou vento en determinados momentos do ano. Neses casos, a enerxía que proporciona o biometano ou gas verde equilibra o déficit de produción de enerxía solar ou eólica, xa que actúa como unha microrrede híbrida.

Economía circular e gas verde: novos modelos de negocio impulsados por Nedgia

Nedgia está a impulsar o desenvolvemento do gas verde, ou biometano, como alternativa ou substituto do gas natural. Ao contar xa coa infraestrutura para facer chegar o gas ás casas, cómpre buscar outras formas de producir gas natural.

Como se transforman os residuos en gas verde ou biometano?

O gas verde ou biometano xérase a partir de residuos e pode empregarse do mesmo xeito có gas natural. Por iso fomenta a economía circular, xestionando mellor os residuos para conseguir enerxía libre de emisións de CO2. Se queres coñecer o proceso de transformación para os diferentes tipos de residuos, consulta o noso portal.

A través de plantas de biometano descentralizadas

Seguindo a Folla de ruta para o biogás, marcada polo IDAE para o 2030, preténdese multiplicar por 4 a produción de gas verde: en Nedgia contamos con 9 plantas que xa están inxectando biogás á rede gasista. A planta Elena, en Cerdanyola del Vallès (Barcelona), foi a primeira que inxectou gas renovable procedente dos residuos dun vertedoiro. A esta iniciativa seguiulle Biogasnalia, en Burgos, cuxos residuos son de orixe agroindustrial. Lleida mantén conectadas a granxa Torre Santamaría e a planta de Vila-sana, que están a inxectar biometano con orixe no residuo gandeiro (esterco). Na Coruña, a EDAR de Bens inxecta biometano procedente de augas residuais. A estas súmanselle as catro últimas plantas nas que a compañía empezou a inxectar biometano á rede en Els Hostalets de Pierola, procedente dos residuos urbanos de Barcelona; a EDAR Granollers, en Granollers, que utiliza augas residuais e residuos orgánicos; Coren-Arrabaldo, que utiliza residuos gandeiros, e o gasoduto virtual Balaguer, en Balaguer, Lleida, que produce gas verde procedente de residuos gandeiros. Se queres saber máis sobre cada unha destas plantas, podes consultar o noso portal sobre economía circular.

Impulsando modelos de cooperativas de produción local

A colaboración con determinados sectores é clave para poder desenvolver modelos de cooperación que impulsen o desenvolvemento do gas verde ou biometano. Estes modelos facilitan, ademais, a creación de microrredes ao poder producir a enerxía nos lugares nos que finalmente se vai consumir. Un bo exemplo son as ganderías vacúas, que proporcionan materia prima para poder transformala en gas verde a través de diversos procesos. En moitos destes casos, a colaboración entre os municipios, os agricultores e as empresas que fabrican as plantas para a súa posterior explotación é clave.

Dixitalización e seguridade enerxética: o gas renovable na era do IoT

A dixitalización é un apoio moi importante para o desenvolvemento das microrredes enerxéticas ao poder certificar en todo momento a procedencia e a calidade dos recursos enerxéticos que se verten ao sistema.

Como garante blockchain que o gas é 100 % renovable?

O blockchain é unha tecnoloxía sustentada nunha base de datos que está compartida por un gran número de persoas, o que garante a súa seguridade. A forma de codificar a información é sempre moi sofisticada e, ao estar cifrada, dificúltase o acceso a esta. As persoas que queiran incluír información acordaron previamente como facelo e estableceron uns procesos na rede. Por iso, non hai intermediarios. O blockchain adoita utilizarse para crear certificados de datos e empregalos para xerar rexistros que garantan a orixe sostible do biometano inxectado na rede.

Sensores intelixentes e mantemento preditivo en redes de gas verde

Os sensores intelixentes xa se están a utilizar en moitos sectores para poder realizar un mantemento preditivo das instalacións de gas implementadas nas microrredes de enerxía. O que coñecemos como IoT, o internet das cousas, permite conectar as infraestruturas mediante sistemas de telefonía móbil para coñecer en tempo real o estado das instalacións. Desta forma mellórase a seguridade das instalacións e garántese a súa subministración.

Compartir