O biometano inxectado xérase a partir do biogás procedente da valorización dos residuos da estación depuradora de augas residuais do Canal de Isabel II en Butarque (Madrid).
O Consorcio Europeo ECO-GATE, cofinanciado pola Unión Europea e que NEDGIA lidera, iniciou a inxección e distribución en probas do gas renovable xerado na estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Butarque á rede de distribución de NEDGIA. O proxecto de gas renovable de Butarque conta coa colaboración de Enagás, Canal de Isabel II, Naturgy, o Concello e a Comunidade de Madrid.
Trátase dun fito na distribución de gas natural no noso país, xa que será a primeira vez que se inxecte gas renovable na rede de distribución, que servirá para desenvolver o sistema de certificados de orixe para gas renovable en España para avanzar no cumprimento dos obxectivos medioambientais de descarbonización propostos por Europa no 2030.
Na EDAR de Butarque, que está xestionada polo Canal de Isabel II, NEDGIA instalou un módulo de produción de biometano (gas renovable) que purifica o biogás procedente da valorización dos residuos da estación depuradora de augas residuais (proceso de upgrading) e outro para inxectar o biometano producido na súa rede de distribución de gas natural. Ademais, alimentado pola rede de distribución de NEDGIA nese punto, o proxecto tamén inclúe un surtidor de recarga de gas natural comprimido (GNC) para vehículos, xestionado por Naturgy. Pola súa banda, Enagás analizará a calidade de gas desta experiencia de uso do biometano para mobilidade.
Para o director do Consorcio Europeo ECO-GATE e responsable de Impulso de Novos Negocios de NEDGIA, David Fernández, “o biometano é o vector enerxético que máis contribúe á economía circular e pode solucionar o problema do almacenamento da produción intermitente doutras enerxías renovables”, pero engade que “é necesario contar co apoio da Administración para desenvolver o mercado do biometano con mecanismos de soporte económico/financeiros e o impulso dos certificados de orixe para gas renovable que xa existen noutros países”.
Co desenvolvemento deste innovador proxecto na EDAR de Butarque, o consorcio europeo ECO-GATE ten catro obxectivos:
- A produción de biometano a partir dun biogás xerado pola valorización dun residuo.
- A inxección do biometano producido na rede de distribución de gas natural propiedade de NEDGIA, para a súa distribución ata o punto de consumo final.
- Desenvolvemento do mercado de certificados de orixe de gas renovable en España.
- Demostración de uso eficiente e ecolóxico do gas renovable en aplicacións de mobilidade terrestre.
Mesmas aplicacións que o gas natural
O biometano, como gas renovable, é un combustible neutro en emisións de CO2 que se xera a través dos procesos de degradación da materia orgánica. Desta forma, residuos urbanos, agrícolas, gandeiros ou forestais, augas residuais etc., unha vez tratados, transfórmanse nun gas verde, unha enerxía totalmente intercambiable polo gas natural, deste xeito pode distribuírse a través dos máis de 87.000 quilómetros da infraestrutura gasista que existe no noso país e empregarse coas mesmas aplicacións enerxéticas en fogares, industrias e comercios, así como combustible no sector transporte. Todo iso sen necesidade de realizar investimentos (nin públicos nin privados) para transformar infraestruturas de redes nin tampouco equipamentos de consumo dos usuarios
Sobre o Consorcio ECO-GATE
O Consorcio Europeo ECO-GATE (European COrridors for natural GAs Transport Efficiency) é un dos plans mundiais máis ambiciosos para a mobilidade con gas natural convencional e renovable. Cofinanciado por Connecting Europe Facility da Unión Europea, está xestionado e coordinado por NEDGIA, como líder dun consorcio, e está composto por 38 socios de España, Portugal, Francia e Alemaña.
ECO-GATE utiliza as novas tecnoloxías e aplica solucións innovadoras para facer posible o despregamento rápido e masivo deste combustible alternativo grazas a unha redución significativa do custo unitario e a unha mellor comprensión e maior coñecemento das necesidades dos clientes.
O proxecto inclúe a construción de 21 estacións de recarga de gas natural ao longo dos corredores do Atlántico e o Mediterráneo en Alemaña (1), Francia (1), Portugal (6) e España (13). Con este fin, o financiamento proporcionado a ECO-GATE compartirase entre os catro países e permitirá o desenvolvemento de gasineiras en Barcelona, Córdoba, Cartaxena, Irún, La Junquera, Madrid, Salamanca, Tordesillas, Aveiro, Lisboa, Setúbal, Tours e Heddesheim, entre outras cidades. Ademais, tamén considera a realización doutro proxecto piloto de subministración de gas renovable e un de hidróxeno.
Máis información en https://eco-gate.eu/