O imposto sobre os hidrocarburos e a súa aplicación

O imposto sobre hidrocarburos é un imposto especial e indirecto que se aplica a todos aqueles combustibles que se utilizan como carburante.

Que son os hidrocarburos?

Os hidrocarburos son compostos orgánicos conformados por átomos de hidróxeno e carbono.

Preséntanse en estado líquido, sólido ou gasoso e os seus ámbitos de uso engloban dende os industriais (creación de plásticos, tintas, gomas ou fibras sintéticas) ata os particulares, como a gasolina, o gasóleo ou o gas, que se utilizan para a mobilidade ou para cociñar, quentar as casas ou ducharse.

O imposto sobre hidrocarburos é un imposto máis dos que existen en España e este en concreto aplícase aos carburantes. Porén, non é o único imposto, xa que tamén se aboa o IVE e outros impostos de carácter rexional, como o ‘céntimo sanitario’, xa en desuso por sentenza xudicial, como veremos posteriormente.

Como afecta aos diferentes hidrocarburos?

O imposto sobre hidrocarburos está deseñado en orixe como un imposto indirecto e de aplicación extrafiscal que se dirixe ao consumo de hidrocarburos.

De competencia estatal, trátase dun imposto que se aplica os produtos que consuman combustibles ou carburantes. A aplicación do imposto implantouse coa Lei 38 de 1992 e tamén a través do Real decreto 1165 de 1995.

Os hidrocarburos presentes na actualidade son a gasolina con ou sen chumbo, o aceite lixeiro, o queroseno, outros aceites medios, o gasóleo, o fuelóleo, o gas licuado de petróleo (GLP), o gas natural, o bioetanol, o biodiésel, os biocarburantes e os biocombustibles de calquera tipo, como o biogás en forma de biometano, ou tamén denominado gas verde, que estamos a distribuír actualmente dende Nedgia. Non serían hidrocarburos o carbón, o lignito e a turba.

O imposto sobre hidrocarburos non persegue simplemente a recadación. A orixe e a implementación deste imposto busca salvagardar, dende o primeiro momento, o medio ambiente e reducir a dependencia enerxética.

Trátase dun imposto que regula as emisións de CO2 provocadas polo uso de carburantes, dende usuarios particulares ata as empresas.

Polo tanto, na actualidade, quedan fóra do aboamento deste imposto todos aqueles usuarios particulares e empresas que utilicen biocombustibles e biocarburantes. Ademais de reducir a dependencia enerxética, o seu impacto sobre o medio ambiente é moito menor, ao aproveitar a economía circular, a economía local e ser de doada distribución, como xa vimos co exemplo do gas verde, distribuído por Nedgia.

Se nos centramos especificamente no imposto sobre hidrocarburos, podemos dicir que se trata dun imposto recadado a ámbito estatal e, polo tanto, é a Facenda Española ou Axencia Tributaria a que se encarga de regulalo e de que os usuarios o aboen polas canles necesarias.

Para poder establecer unha regra sinxela, fixouse o gravame en 1.000 litros: a partir deste, aplícase o imposto. Cada combustible conta cun gravame distinto en función dunha serie de parámetros que establece a Axencia Tributaria, co cal, os gravames para os diferentes tipos de hidrocarburos que se aboan á Axencia Tributaria quedan fixados do seguinte modo e cos seguintes importes:

  • Gasolina sen chumbo 97 octanos: 431,92 euros por cada 1.000 litros ou 0,432 euros por litro.
  • Gasolina con chumbo: 433,79 euros por cada 1.000 litros ou 0,433 euros por litro.
  • Demais gasolinas sen chumbo: 400,69 euros por cada 1.000 litros ou 0,401 euros por litro.
  • Gasóleo de automoción: este é o caso que máis subiu, xa que pasou de 307 euros por cada 100 litros a 407 euros dende xaneiro de 2025. Podemos afirmar que o 42 % do prezo do diésel en España corresponde a impostos, o que amosa a clara tendencia europeísta a eliminar este combustible e limitar o seu uso, co fin de que os cidadáns valoren outras alternativas.
  • Gasóleo como carburante: páganse 78,71 euros por cada 1.000 litros.
  • Fuel óleo: 14 euros por cada 1.000 litros.
  • Gasóleo de uso agrícola ou pesqueiro: exento de carga fiscal.
  • Biodiésel como carburante: 307 euros por cada 1.000 litros ou 0,307 euros por litro.
  • Outros usos do biodiésel: 78,71 euros por cada 1.000 litros ou 0,078 euros por litro.

Como xa comentaramos, este só sería o imposto sobre hidrocarburos, e a este, de cara ao usuario final, habería que engadirlle un 21 % de IVE e os posibles gravames extraordinarios, como o xa mencionado céntimo sanitario.

En concreto, este último, o ‘céntimo sanitario’, sumouse dende o 1 de xaneiro de 2013 ao imposto sobre hidrocarburos. Hai agora un ano, o Tribunal Supremo declarou ilegal o ‘céntimo sanitario’ que se aplicara dende esas datas, e mesmo nos anos 2011 e 2012, polo que se abriu a porta á devolución de miles de millóns e que se pode xestionar a través desta páxina da Axencia Tributaria: Solicitude de devolución do IVMDH (céntimo sanitario)

Se queres solicitar a túa devolución, só tes que seguir os pasos que indica o portal da Axencia Tributaria.

O aboamento do imposto de hidrocarburos aplícase en todo o territorio español, agás Canarias, Ceuta e Melilla.

Tamén cómpre saber que ata o 2019 o gravame que se aplicaba era distinto por comunidade autónoma, por exemplo, era máis alto en Madrid, A Rioxa, País Vasco, Navarra, Estremadura, Asturias, Cantabria, Castela- León e Aragón. A partir do 2019, este imposto aplicouse de forma homoxénea, debido ás constantes queixas por parte destas comunidades.

Como afecta este imposto especificamente ao gas natural?

Se es usuario de gas natural de forma particular ou empresarial, na factura existe un lugar no que se detalla especificamente a cantidade que debes aboar para o imposto sobre hidrocarburos. Como xa sinalamos no noso artigo Como entender a miña factura de gas natural?, a factura do gas, no apartado “Detalle da túa facturación” está composta polos seguintes conceptos esenciais.

Os conceptos esenciais que figuran son:

  1. Período de facturación. O intervalo de tempo que nos van facturar pola enerxía consumida.
  2. Produto e tarifa. O nome do produto ou servizo que contratamos xunto coa tarifa contratada.
  3. Consumo de gas. Aquí é onde se inclúe o imposto especial sobre hidrocarburos e o alugueiro do contador.
  4. Descontos aplicables.
  5. Total de gas natural. É a suma dos importes de subministración, sen o IVE nin servizos extra.
  6. Total a pagar. É a suma dos importes: inclúe o IVE e servizos derivados.

Como xa comentamos, o imposto sobre hidrocarburos do gas natural xorde no ano 2013. Unha taxa que en principio corresponde pagar por emitir e xerar dióxido de carbono cara á atmosfera. A súa finalidade, polo tanto, é tratar de reducir a emisión de CO2 e axudar a que as persoas regulen o consumo de gas natural. Cómpre sinalar neste punto que o gas natural é un dos menos contaminantes, e considérase enerxía de transición cara a outras menos contaminantes pola súa menor deterioración do medio ambiente debido ás emisións.

O caso do gas natural é particular: aínda que xa viramos as diferentes taxas que correspondían pagar no caso dos hidrocarburos líquidos, ao gas natural, ao tratarse dun carburante en estado gasoso, aplícanse os chamados xigajoule, posto que se mide en termos enerxéticos. A taxa sobre hidrocarburos de gas natural aplícase cun custo de 0,00234 euros por cada kWh consumido. É dicir, se temos en conta o consumo medio de gas en España, que xa tratamos no noso artigo Cal é o consumo medio dunha casa, podemos afirmar que, nunha casa de tipo medio que consome gas para cociñar, quentar a auga e como calefacción, e que conta, polo tanto, cun consumo medio de 7.921 kWh, só teriamos que multiplicar por 0,00234 euros e xa saberiamos a parte que corresponde ao imposto de hidrocarburos: neste caso, 18 euros e medio.

En resumo, podemos afirmar que a cantidade que se paga non é fixa. Por iso, para reducir o consumo e diminuír en paralelo a porcentaxe de impostos que pagamos asociados ao uso deste, é vital promover medidas para optimizar o aforro, ben acurtando o tempo de ducha, optimizando a calefacción utilizando partes concretas da casa ou lembrando as famosas MAES, ou medidas de aforro enerxético, que xa tratamos neste blog. Desta forma, reduciremos o pagamento do imposto e contribuiremos a mellorar o medio ambiente.

Hai posibles exencións?

Si, existen exencións e posibles devolucións.

No caso das exencións atopamos:

  • O gas natural, cando se destina a usos que non inclúan o carburante ou o combustible. 
  • Avituallar carburante en navegación aérea e marítima. 
  • Transportes por ferrocarril ou en traballos de dragado. 
  • Construcións, probas e mantementos de embarcacións e aeronaves. 
  • Proxectos de proba de produtos menos contaminantes. 

No caso das devolucións, inclúense dous casos concretos: 

  • Devolución parcial no gasóleo para uso profesional. Se o carburante se usa para transportar mercadorías por estrada, ou no transporte de pasaxeiros e taxis.  
  • Devolución en actividades vinculadas ao campo: agricultura, horticultura, gandería e silvicultura.  

Compartir