Unha caldeira mixta é aquela que proporciona calefacción ademais de auga quente sanitaria.
Definición e tipos de caldeiras mixtas
Como xa comentamos previamente no noso blog, as caldeiras de condensación son maioría no mercado. As caldeiras atmosféricas foron substituíndose progresivamente polas de condensación debido á súa maior potencia e eficiencia á hora de realizar os diferentes procesos necesarios para a combustión do gas e a súa posterior distribución pola vivenda. Ademais, por lei, xa non se poden comercializar: isto supuxo que o parque de caldeiras dispoñible sexa maioritariamente de condensación, especialmente na obra nova.
No noso caso concreto, ademais de entender que existen distintas tipoloxías de caldeiras en función da tecnoloxía que utilizan, tamén existen distintos tipos de caldeiras segundo o seu uso. Un deles é o que nos achega a caldeira mixta, que indica que pode utilizarse para diferentes usos, fundamentalmente para proporcionar auga quente e calefacción.
Outro dos seus nomes coñecidos é o de ‘caldeira combinada’.
Funcionamento dunha caldeira mixta
A caldeira de gas mixta é a que nos permite obter auga quente da combustión do gas, e está destinada a ofrecer calefacción e auga quente sanitaria, máis coñecida como ACS. Nesta tipoloxía de caldeiras, os circuítos de auga saíntes veñen diferenciados: o da calefacción, que ten como obxectivo dirixirse cara aos radiadores ou o chan radiante, e o do ACS, que ten como obxectivo dirixir a auga cara ás billas da ducha e os lavabos. O responsable de xerar a calor necesaria para poder realizar a combustión e posteriormente quentar a auga é o gas.
O funcionamento é sinxelo: cando xorde a necesidade na casa ou na instalación de calefacción ou auga quente, acéndese o queimador de gas da caldeira. A chama xerada transfire a calor a través dun intercambiador de calor, que é dende onde se reparte cara aos radiadores ou o chan radiante, ou directamente ás billas.
Vantaxes e inconvenientes
As caldeiras mixtas deseñáronse especificamente para encher un oco existente no mercado: o das persoas que dispoñían dunha calefacción central, difícil de controlar, con custos repartidos entre os veciños e cun alto nivel de contaminación, especialmente, as de gasóleo, e o desoutras persoas que xa dispoñían na súa vivenda dun quentador para a auga quente, que funciona directamente con gas.
Entre as principais vantaxes, gustaríanos sinalar as seguintes:
- Tamaño compacto: Existen caldeiras de tamaños realmente reducidos, e mesmo cunha achega estética, que poden integrarse na decoración ou camuflarse para que non teñan un impacto estético non desexado. Poden incorporarse doadamente a cuartos pequenos, mesmo en baños ou determinados mobles creados especificamente para albergalas. Dende a caldeira podemos controlar todo nun espazo moi reducido.
- Aforro: Contar cun dispositivo que proporciona auga quente e calefacción permite integrar os consumos nunha única factura e eliminar outro tipo de infraestruturas (por exemplo, un termo de auga eléctrico, máis aparatoso e menos eficiente).
- Auga quente sempre cando a precisas: Este quizais sexa o aspecto máis valorado polos consumidores: a capacidade de ter auga quente ao instante, sen esperas e co convencemento de que non se acabará. Ademais, ao non almacenar auga en ningún tanque, o mantemento minimízase ao reducir os problemas asociados á corrosión dos tanques e a acumulación de cal.
- Regulación da temperatura: As caldeiras mixtas máis modernas permítennos regular a temperatura, mesmo a través de dispositivos conectados, como o móbil.
- Funcionan con gas verde, que chega ás nosas casas, edificios e industrias. O gas verde chega aos fogares a través das caldeiras actuais, sen necesidade de facer ningunha instalación.
Se queres coñecer todos os usos aos que poderás acceder coa túa caldeira mixta, recomendámosche que visites a nosa sección Usos do gas natural. Poderás saber como unha ducha con gas natural che permite aforrar ata 0,13 € con cada uso, e diminuír tamén o impacto no medio ambiente.
Entre as desvantaxes, poderiamos destacar as seguintes:
- En casas grandes, este tipo de caldeiras poden ser insuficientes e non chegar a proporcionar auga quente a todos os cuartos. Abofé que estamos a falar de casas realmente grandes ou instalacións, como pequenos hoteis, que requiren dunha caldeira central, dúbida que xa tentamos aclarar na nosa publicación Diferenzas entre a calefacción central e individual. Cal é mellor?, nela explicámosche as diferenzas entre unhas e as outras para que vexas cal se pode axustar mellor ás túas necesidades.
- Se a presión de auga é baixa na vivenda, se cadra non funciona correctamente: non é un caso habitual, pero pode acontecer en casas antigas.
Comparativa con outros sistemas
Evidentemente, a caldeira mixta de gas natural é o mellor aliado á hora de ter un sistema potente de climatización no fogar. Outras alternativas do mercado, como a aerotermia, as caldeiras eléctricas ou o clásico quentador de gas para auga quente, distan moito do confort que unha caldeira de condensación mixta pode ofrecer. Para axudarche a elixir, podes contar sempre coa nosa rede de instaladores, que che ofrecerán as diferentes alternativas dispoñibles no mercado coa garantía de estares ao día en canto ás súas posibilidades e durabilidade. Tamén podes consultar o ránking da OCU para este ano 2025.


