Esta instalación, situada no Depósito Controlado de PreZero España en Els Hostalet de Pierola, foi inaugurada hoxe polo Conseller de Acció Climàtica, Alimentació i Agenda Rural, David Mascort, acompañado doutras autoridades e representantes do mundo empresarial.
- Trátase dunha iniciativa pioneira en España por ser o proxecto máis grande de inxección de biometano a partir do biogás xerado polos residuos dun depósito controlado e por ser o primeiro financiado mediante un contrato privado de compravenda de enerxía a longo prazo (BPA).
- Grazas á tecnoloxía WAGABOX®, patentada por Waga Energy, inxectarase anualmente 70 GWh de gas renovable na rede de Nedgia, o equivalente ao consumo de 14.000 fogares ou de 200 autobuses.
- A iniciativa, disruptiva no sector das enerxías renovables, obtivo unha subvención de 2,4 millóns de euros procedentes da Unión Europea a través dos fondos destinados ao desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras para reducir a pegada de carbono.
O Conseller de Acció Climàtica, Alimentació i Agenda Rural, David Mascort inaugurou esta mañá a Planta de Produción de Biometano de Can Mata, o maior proxecto de España para transformar o biogás procedente da degradación dos residuos dun depósito controlado en biometano, unha enerxía renovable que reduce as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI). A iniciativa está impulsada por PreZero España, unha das principais compañías do sector ambiental especializada na prestación de servizos urbanos e o desenvolvemento de solucións de economía circular, e Waga Energy, líder na produción de biometano a partir do biogás de depósito controlado. Nedgia, a distribuidora de gas do grupo Naturgy, inxectará o biometano a través da súa rede grazas a unha canalización de 6 quilómetros realizada no marco do proxecto.
A inauguración estivo presidida polo Conseller d’Acció Climàtica, Alimentació i Agenda Rural da Generalitat de Catalunya, David Mascort, e contou cunha ampla representación de autoridades e do mundo empresarial entre os que salientan Gerard Parcerises, alcalde dels Hostalets de Pierola; Isaac Peraire, director xeral de l’Agència de Residus de Catalunya; Assumpta Farran, directora xeral d’Energia da Genralitat; Josep Pena, director de Serveis Territorials de Barcelona, David Alquézar, delegado do goberno da Generalitat en el Penedès; Gonzalo Cañete, conselleiro delegado PreZero España & Portugal; Mathieu Lefebvre, CEO de Waga Energy; Raúl Suarez, CEO de Nedgia; Roman Doubrava, Head of Unit, Innovation Fund in European Climate, Infrastructure and Environment Executive Agency (CINEA) da Comisión Europea.
O Conseller de Acció Climática, David Mascort, salientou que “Esta planta que inauguramos hoxe é pioneira en Cataluña. É a única planta que existe en todo o Estado que permite a produción de biometano a partir do biogás xerado pola descomposición aeróbica. É unha iniciativa coa que damos resposta a distintos grandes retos que o país afronta: a transición enerxética, o avance cara a unha economía circular, a axenda rural para favorecer a actividade no sector primario e a redución de emisións. Felicitamos PREZERO e WAGA ENERGY porque a súa aposta empresarial ten unha implicación primordial no ámbito climático”.
“Trátase dunha referencia internacional na produción de biometano a partir de residuos. Primeiro, pola propia xestión dende hai décadas do depósito controlado, que supón un exemplo a nivel europeo na desgasificación deste tipo de instalacións e facilitou que agora poidamos xerar enerxía renovable a grande escala. Ademais, este proxecto amosa o camiño de como converter iniciativas ambiciosas de produción de biometano nunha realidade tanxible e actúa como espello para todo o sector ambiental pola colaboración entre empresas representativas de toda a cadea de valor, sumando as fortalezas que cada un podemos achegar”, afirmou o Conselleiro Delegado de PreZero en España e Portugal, Gonzalo Cañete.
“Estamos encantados co éxito deste proxecto desenvolvido en colaboración con PreZero e Nedgia, e o apoio da Comisión Europea, así como da súa contribución na transición enerxética. O Depósito Controlado de Can Mata é o primeiro en España en beneficiarse desta tecnoloxía innovadora xa implantada en depósitos controlados de Francia e Canadá e en breve estará tamén en Estados Unidos” engadiu o CEO de Waga Energy, Mathieu Lefebvre.
Para o CEO de Nedgia, Raúl Suárez “este proxecto pioneiro sitúa as redes de gas e o biometano no centro da transición enerxética, para facela sostible económica, social e ambientalmente. Ademais, ao tratarse dun proxecto en clave local permítenos producir un gas Km 0 que reduce as importacións e a dependencia de terceiros países”.
A instalación, está situada no Depósito Controlado de Can Mata (Els Hostalets de Pierola, Barcelona) e é a primeira en España capaz de producir 70 GWh de biometano ao ano a partir da recuperación do gas emitido polos residuos sólidos, o equivalente ao consumo enerxético de 14.000 fogares ou o combustible de 200 autobuses. Todo iso cunha forte contribución á descarbonización do planeta evitando a emisión de 17.000 toneladas de CO2 ao ano ao substituír o consumo de gas natural fósil por esta enerxía renovable. O biometano producido por esta unidade ten a certificación ‘ISCC EU’, que garante que cumpre cos criterios de sostibilidade e de redución de gases de efecto invernadoiro definidos pola Directiva Europea de Enerxías Renovables.
“Estamos moi contentos de que Els Hostalets de Pierola se sitúe no centro do taboleiro na vangarda e a innovación, é un adianto moi importante para o municipio e o territorio. Trátase dunha instalación pioneira en todo o estado e supón unha aposta estratéxica para a nosa localidade, como motor da economía circular, a transición enerxética e a rexeneración. A Wagabox é un complemento, unha tecnoloxía que mellora a eficiencia e o respecto ambiental cara a este Depósito Controlado. Temos que percibir no ámbito máis próximo unha redución das emisións” explicou Gerard Parcerisas, alcalde de Els Hostalets de Pierola.
A construción e o mantemento da unidade fináncianse mediante a venda de biometano a un operador privado a través dun acordo de compra de enerxía a longo prazo. Este é o primeiro proxecto de inxección a grande escala de biometano procedente de gas de depósito controlado financiado mediante este modelo en Europa. A iniciativa, disruptiva no sector das enerxías renovables, obtivo unha subvención de 2,4 millóns de euros procedentes da Unión Europea a través dos fondos do programa Innovation Fund Small Scale, destinado ao desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras para reducir a pegada de carbono.
Como explicou Roman Doubrava, Xefe da Unidade de Fondos de Innovación en CINEA da Comisión Europea “En CINEA, comprácenos enormemente apoiar o proxecto Waga4World (W4W), un dos proxectos pioneiros do Fondo de Innovación que logrou con éxito a súa entrada en funcionamento. O obxectivo deste proxecto consiste en substituír o gas natural fósil por biometano, logrando unha redución de 17.000 toneladas de CO2 equivalente, cantidade similar ás emisións anuais de aproximadamente 10.000 automóbiles con motor de gasolina. Ao apoiar W4W, a Comisión sitúa a tecnoloxía innovadora europea e as pequenas e medianas empresas no centro da transición do Pacto Verde Europeo e permite contribuír o seu ambicioso obxectivo de produción de biometano“.
Depósito Controlado de Can Mata, Barcelona
O depósito controlado de Can Mata é un dos máis grandes de España, cunha superficie de 78 hectáreas, o equivalente a máis de 70 campos de fútbol. Esta instalación, onde se tratan os residuos urbanos e industriais de Barcelona e a súa área de influencia, está operada dende hai máis de 30 anos por PreZero España. Nestas tres décadas xestionáronse máis de 22 millóns de toneladas de residuos. Os refugallos almacenados en Can Mata producen case 40 millóns de metros cúbicos de biogás ao ano, dos que ata agora só se reutilizaba o 50 %, para producir enerxía térmica para a propia instalación e enerxía eléctrica e térmica para a fabricación de materiais de construción. Grazas a esta nova tecnoloxía o depósito controlado conseguirá valorizar o 100 % do biogás.
Tecnoloxía de vangarda dedicada á valorización do biogás de depósito controlado
A tecnoloxía WAGABOX®, é o resultado de 15 anos de investigación e é a máis eficiente e a única dedicada á produción de biometano a partir de biogás de depósito controlado. Este sistema innovador combina a filtración por membrana e a destilación crioxénica para separar o metano, gas enerxético, dos demais gases emitidos polos residuos (osíxeno, nitróxeno, dióxido de carbono e compostos orgánicos volátiles). Garante unha eficiencia enerxética superior ao das solucións baseadas na produción de electricidade, e unha recuperación óptima do recurso, sen limitacións na explotación para os operadores dos depósitos controlados de residuos. Nos últimos 6 anos puxéronse en marcha 18 unidades en Francia, Canadá e España. E dezaseis máis están en construción en Francia, Canadá e Estados Unidos.
Acerca de PreZero España e Portugal
Con máis de 16.000 empregados, a compañía presta servizos urbanos (recollida de residuos, limpeza viaria e xestión de zonas verdes) a máis de 12 millóns de persoas en máis de 980 municipios, e desenvolve solucións de economía circular para o tratamento e reciclaxe de residuos nas 127 instalacións nas que opera. A empresa forma parte de PreZero International que, con preto de 30.000 empregados en 11 países, pertence ao Grupo Schwarz, incluíndo Lidl e Kaufland entre as principais empresas de distribución alimentaria en Europa.
Acerca de Waga Energy
Waga Energy (EPA: WAGA) é unha compañía internacional de enerxía renovable que produce biometano a prezo competitivo valorizando o gas dos depósitos controlados, grazas á tecnoloxía WAGABOX®. Waga Energy financia, constrúe e explota as súas unidades WAGABOX® no marco de contratos a longo prazo cos xestores dos depósitos controlados para a extracción do gas, que inxecta na rede de distribución que se subministra a fogares e empresas, en substitución do gas natural fósil, xerando ingresos coa revenda do biometano. Waga Energy explota 18 unidades WAGABOX® en Europa, que representan unha capacidade instalada de 665 GWh/ano e ten en desenvolvemento outros 16 proxectos en Francia, España, Canadá e Estados Unidos. Waga Energy está implantada en España dende 2020 e ten a súa sede en Barcelona. Cada proxecto desenvolvido por Waga Energy contribúe á loita contra o cambio climático e a transición enerxética. Waga Energy é unha empresa cotizada en Euronext Paris dende o 27 de outubro do 2021.
Acerca de Nedgia
A distribuidora de gas do grupo Naturgy é a compañía líder do sector en España, onde opera en 11 comunidades autónomas e 1.150 municipios. Conta con máis de 5,4 millóns de puntos de subministración que supoñen o 70 % dos consumidores. O seu principal activo son os 57.000 quilómetros de redes que permiten facer chegar hoxe, de forma segura e eficiente, a subministración enerxética de gas natural e de gas renovable (biometano), así como de hidróxeno no futuro. A innovación, proximidade e atención ao cliente forman parte da súa razón de ser e caracterizan a súa actividade.