Nedgia participou o pasado 16 de setembro no VI Foro de Rehabilitación Verde & Sostenibilidad, organizado por CESINE en Madrid baixo o lema «Rehabilitar para descarbonizar: como cumprir os obxectivos verdes». O encontro reuniu profesionais e expertos do ámbito da rehabilitación enerxética para analizar solucións que permitan reducir as emisións dos edificios de maneira eficiente, viable e adaptada ás necesidades dos consumidores.
Durante a xornada presentáronse distintos casos prácticos de rehabilitación enerxética. Entre eles, destacou a actuación levada a cabo en 106 vivendas do edificio Europa, en Albacete, onde se implantou unha solución híbrida para mellorar a eficiencia enerxética do inmoble. Esta experiencia puxo de manifesto a importancia de impulsar proxectos maduros e accesibles, capaces de combinar sostibilidade, viabilidade técnica e control de custos para os usuarios.
Unha transición enerxética baseada na redución de emisións
Na mesa redonda realizada posteriormente, Robert Gauxax, representante de Nedgia, defendeu a necesidade de abordar a descarbonización dende a neutralidade tecnolóxica. Para iso, apostou por combinar distintas solucións enerxéticas en función das características de cada edificio e das necesidades dos seus ocupantes.
Neste contexto, destacou a contribución que pode realizar o gas verde para acelerar a descarbonización dos edificios. Grazas ao seu carácter renovable e á posibilidade de utilizar as infraestruturas gasistas existentes, o gas verde permite reducir emisións de maneira eficiente, minimiza investimentos adicionais e facilita unha transición enerxética máis accesible para fogares, comunidades de propietarios e industrias.
Ademais, Gauxax lembrou que Nedgia acompaña as comunidades de propietarios nos seus proxectos de renovación enerxética mediante axudas e achegas económicas destinadas a substituír ou modernizar sistemas térmicos con equipos de gas de última xeración. Deste xeito, favorécense actuacións que melloran a eficiencia enerxética e contribúen a reducir a pegada de carbono dos edificios.
«A descarbonización debe perseguir a redución de emisións, non a imposición de tecnoloxías. Acadar os obxectivos climáticos require combinar electrificación, eficiencia enerxética e gases renovables para aproveitar todas as solucións dispoñibles».
O gas verde, unha solución para os consumidores
A participación de Nedgia neste tipo de foros permite trasladar unha visión da transición enerxética centrada no consumidor, ademais de destacar solucións para reducir emisións sen renunciar á competitividade nin á accesibilidade.
Neste sentido, o gas verde preséntase como unha alternativa capaz de aproveitar as redes de gas xa existentes para fornecer enerxía renovable a fogares e edificios; así contribúese a unha descarbonización máis rápida, eficiente e accesible para os clientes. Ao combinar diferentes tecnoloxías e fontes de enerxía renovable, é posible avanzar cara aos obxectivos climáticos mantendo a flexibilidade e garantindo que cada usuario poida atopar a solución que mellor se adapte ás súas necesidades.


