A perda de auga da caldeira pode ser prexudicial para a nosa instalación de gas e os compoñentes asociados, como os radiadores. As causas poden ser moi variadas, dende o exceso de presión a fugas de todo tipo ou avarías máis profundas. Se queres saber como evitalo, mostrámosche que pasos debes seguir para identificar a avaría ou a fuga que se está producindo, se fose preciso chamar un técnico ou substituír a caldeira, e que tipo de medidas preventivas se deben tomar para que non vaia a máis.
É perigoso que a caldeira perda auga?
É normal preguntármonos se é perigoso que a nosa caldeira perda auga, pero o único que indica é que algo non funciona correctamente e debemos revisala. Entre os posibles riscos fronte a unha caldeira en mal estado, poderiamos distinguir dous tipos:
Riscos de avarías:
- Danos en compoñentes internos da caldeira e da instalación (válvulas, radiadores, tubaxes etc.)
- Quedar sen calefacción ou sen auga quente sanitaria, coas molestias que iso supón no día a día.
- Posibles curtocircuítos se a auga entra en contacto con enchufes simples ou múltiples, ou outros elementos eléctricos próximos.
- Outros danos ‘menores’ (humidades, goteos continuados…) que, se non se revisan a tempo, poden acabar en avarías máis graves e custosas.
Situacións de máis risco:
Cando estas situacións vaian acompañadas doutro tipo de efectos, como o cheiro a gas, ruídos descoñecidos, apagamentos de luz e calquera indicio dunha combustión defectuosa. Neste caso, é recomendable apagar a caldeira, avisar un técnico e chamar o Servizo de Urxencias de Nedgia, o 900 750 750.
Por que a miña caldeira de gas perde auga?
As razóns polas que a túa caldeira de gas perde auga poden ser moi variadas, a continuación, citamos as máis habituais para que poidas identificalas no caso de que a túa caldeira comece a perder auga e poidas actuar rapidamente.
Exceso de presión e goteo pola válvula de seguridade
Unha das causas máis comúns é o exceso de presión. Para que poidamos entender esta causa, cómpre saber que as caldeiras están deseñadas para traballar en rangos de presión específicos. En concreto, ao comprobar a presión, deberiamos verificar sempre que se atopa no rango dos 1,5 a 2 bares, mediante un indicador que adoita estar situado no frontal da caldeira, chamado manómetro (pode ser analóxico ou dixital, mediante unha pantalla LCD). Cando supera esa presión, é moi habitual que empece a gotear porque a válvula de seguridade se atopa deseñada con ese fin: protexer o circuíto da caldeira. Cando a presión da caldeira de gas se atopa por debaixo ou por riba de 1 ou 2 bares, pode ocasionar dous tipos de avarías:
Presión baixa:
As caldeiras están fabricadas para controlar os saltos de presión por medio dunha válvula de alivio. Se a caldeira de gas comeza a perder presión, activarase o bloqueo por seguridade para evitar danos maiores.
Para reverter o bloqueo, sigue estes sinxelos pasos:
- Abre a chave de enchedura de auga.
- Cando alcance o nivel adecuado, péchaa de novo.
- Se o bloqueo persiste ou non sabes como facelo, ponte en contacto co servizo técnico.
Avaría por unha presión alta:
Cando a caldeira de gas excede a presión máxima, a válvula de seguridade da caldeira ábrese para liberarse. Isto sucede porque o vaso de expansión da caldeira non é capaz de absorber o aumento de presión da auga que circula pola caldeira. Se o manómetro de presión de auga está por riba dos 2 bares, a válvula de alivio de presión podería estar fallando.
Pechar mal as chaves de carga ou outro tipo de danos no sistema tamén poden subir a presión da caldeira. No caso de que isto aconteza, aconséllase que un técnico cualificado revise a caldeira.
Se queres saber máis acerca de como subir ou baixar a presión da caldeira, recomendámosche este artigo sobre a presión que debe ter unha caldeira. Ás veces teremos que actuar directamente sobre a caldeira ou ben purgando os radiadores.
Se o que precisas é saber máis sobre como contar coa axuda dun instalador e as revisións que son necesarias, podes ampliar a información neste artigo sobre as inspeccións correspondentes.
Fugas en xuntas, chaves ou radiadores
Como xa comentamos, as oscilacións na presión poden deberse a elementos externos á caldeira, como chaves de paso mal reguladas ou colocadas, fugas en determinadas xuntas do circuíto de calefacción e tamén por problemas cos radiadores, que, se cadra, non se purgaron convenientemente. Nese caso, procederemos a purgalos para ver se isto afecta á presión da caldeira e, polo tanto, ao posible goteo desta debido ao exceso de presión sobre a válvula de seguridade. En tal caso, seguiremos as indicacións que xa vimos no apartado anterior.
Auga no tubo de condensación da caldeira
Este problema ten diferentes variantes, que se producen de maneira pouco habitual nas caldeiras de condensación, entre as que están:
- A condensación en exceso: A condensación é normal nas caldeiras de condensación, pero, se o que vemos é un goteo continuado, podería estar indicando unha cantidade pouco común de condensación acumulada.
- Tubo obstruído: Se o tubo de desaugadoiro está bloqueado por sucidade, residuos ou conxelación, a auga de condensación non pode drenar correctamente e podería filtrarse.
- Problemas nas instalacións: A instalación incorrecta do tubo de desaugadoiro ou unha inclinación insuficiente poden provocar o goteo da auga de condensación en lugar da súa correcta evacuación.
- Danos no tubo: Fisuras, gretas ou roturas no tubo de condensación poden permitir a filtración da auga.
Dependendo da avaría que provoque o tubo de condensación da caldeira, tomaremos unhas medidas ou outras, como a reparación ou a substitución do tubo ou da caldeira no caso de que resultase danada.
Avarías internas que debe revisar un técnico
Este tipo de avarías, que afectan ao funcionamento da caldeira e nas que pode haber compoñentes internos involucrados, como o vaso de expansión, o intercambiador ou o sistema de acendido, deben estar revisados sempre por un técnico autorizado. Tamén podes atopar algunhas solucións para poder identificar o problema no noso blog, no artigo Que facer se a caldeira non arrinca ao abrir a billa? Solucións.
Que facer se a túa caldeira de gas perde auga (paso a paso)
- Comproba de onde sae a auga. Sen abrir a caldeira, comproba as xuntas, observa a válvula de seguridade para comprobar que non proveña de aí o problema, bota unha ollada ao tubo de condensación e comproba que os radiadores e as xuntas exteriores non estean vertendo auga.
- Revisa a presión no manómetro. Como xa comprobaches, o manómetro atópase na parte dianteira da caldeira en forma de círculo cunha agulla indicadora ou ben mediante unha pantalla LCD con números. Se ves que está por riba de 2 bares ou por debaixo de 1 bar, o problema está na presión. Como xa comentamos, o ideal é que se atope no rango dos 1,5 bares, pero cada caldeira é diferente, así que che aconsellamos que comprobes o manual da caldeira primeiro.
- Non abras a caldeira nin manipules pezas internas. No caso de que as dúas medidas anteriores non che desen a resposta de onde vén a auga, non fagas nada. Non quites ningunha tapa, nin anules as válvulas de seguridade. Improvisares reparacións sobre a marcha pode resultar moito máis caro que a visita dun técnico autorizado, que poderá ver o problema rapidamente facendo as correspondentes comprobacións.
- Se a caldeira perde moita auga ou baixa a presión a miúdo, chama un técnico. Estes dous puntos indican un problema grave da caldeira.
- Se o que percibes é cheiro a gas, trata a situación como unha urxencia. Se percibes cheiro a gas ou escoitas ruídos estraños que proveñen da caldeira, corta a chave do gas e chama o servizo de urxencias de gas.
Como evitar que a caldeira perda auga de novo
Tomar certas precaucións fará que non precises recorrer a medidas de urxencia e evitar que a túa caldeira perda auga. Para iso, só tes que seguir certos consellos e levar ao día o mantemento da túa caldeira.
Revisión da instalación de gas e mantemento da caldeira
Como xa comentamos en múltiples ocasións, unha cousa é a revisión periódica da instalación de gas, que se realiza cada 5 anos, e outra son os labores de mantemento e revisión da caldeira, que se realizan cada 2 anos e que moitos clientes adoitan ter incluídos nos contratos coas comercializadoras ou as empresas instaladoras.
A primeira é obrigatoria realizala cada 5 anos e faina un técnico autorizado, seguindo os pasos que poderás atopar na nosa páxina sobre inspección periódica. Nela poderás consultar dende as tarifas, formas de pagamento, como proceder ante as anomalías detectadas ou que facer se estás ausente o día da inspección.
A da caldeira débese realizar cada 2 anos, de aí que salientemos a importancia desta revisión e de estar presente nela porque se revisan todos estes puntos importantes que, como xa vimos, evitarán fugas de auga.
Que labores de comprobación se realizan na revisión da caldeira?
O obxectivo da revisión da caldeira de gas é ter a garantía do bo funcionamento, a eficiencia e a seguridade da caldeira.
Por ese motivo, supervísanse varios compoñentes e sistemas:
Combustión e emisión de gases:
- Análise de gases de combustión. Compróbase a concentración de monóxido de carbono, dióxido de carbono e outros gases, para garantir que a combustión é completa e eficiente.
- Axustes da chama. Verifícase a chama do queimador para que funcione de maneira correcta. Que teña a cor e a forma axeitadas será un indicador de que hai unha mestura correcta de gas e aire.
- Tiro da cheminea. Revisión da evacuación correcta dos gases de combustión.
Compoñentes internos:
- Queimador. Estado dos inxectores, a boquilla e outros compoñentes para detectar obstrucións e desgastes.
- Cámara de combustión. Revisión da feluxe acumulada ou residuos que poidan alterar a eficiencia e a seguridade da caldeira.
- Intercambiador de calor. Compoñente clave para localizar posibles fugas, corrosión ou incrustacións de cal.
- Válvula de seguridade. Como xa comprobamos, garante a presión dentro dos límites seguros.
- Termóstato. Correcto funcionamento e control da temperatura da auga nos límites establecidos.
Conexións e tubaxes
- Conexións de gas, para identificar fugas.
- Tubaxes de auga fría e quente para buscar posibles fugas e corrosión.
- Sistemas de ventilación, para garantir unha correcta combustión e afastar a acumulación de gases tóxicos.
Usar correctamente a presión e os mandos da caldeira
Como xa vimos, a caldeira é un sistema sinxelo que require tan só da comprobación dun parámetro: que a presión estea nos 1,5 bares. Para iso, utilizaremos os mandos da caldeira para axustar a presión e purgaremos periodicamente os radiadores para que se manteña estable.
Renovar caldeiras moi antigas ou con avarías frecuentes
Como xa vimos na nosa anterior publicación sobre caldeiras estancas, o parque de caldeiras en España está enfocado principalmente á substitución das antigas caldeiras por caldeiras de condensación, que son as que mellor funcionan e menos problemas dan. Así que a nosa recomendación é precisamente esa: se contas cunha caldeira que xera avarías frecuentes, a caldeira de condensación é o cambio óptimo para aproveitar ao máximo as propiedades do gas e contar cun funcionamento adecuado.
Preguntas frecuentes:
É normal que a miña caldeira de gas perda auga?
Que a túa caldeira de gas perda auga non é normal. Pode ser un problema puntual que se solucione regulando a presión ou chamando un técnico autorizado, pero en ningún caso é normal e pode afectar ao uso desta.
Que pasa se sigo usando a caldeira, aínda que perda auga?
Á parte da perda de eficiencia que notarás no uso da auga quente e a calefacción, estarás arriscando a túa instalación ao poder provocar danos maiores. É perigoso que a caldeira perda auga. Non é un feito illado, cando unha caldeira gotea, cómpre comprobar a presión e facer unha revisión visual para chamar posteriormente un técnico.
Cando é perigoso que a caldeira perda auga?
Segundo o tipo de avaría, poderá resultar perigoso ou non: dependerá de se é pouca auga, auga en forma de charcos ou de onde proceda a auga. O que está claro é que se a caldeira perde auga pode ser motivo dunha avaría maior, unha fuga de gas e mesmo danar electrodomésticos lindeiros.
A quen debo chamar se a miña caldeira perde auga?
Un técnico autorizado ou, se cheira a gas, o servizo de urxencias de gas.


