Coñece as Passive Houses, un concepto innovador en eficiencia. Descubre que as fai únicas e como contribúen ao aforro e ao medio ambiente.
Resumo rápido:
Unha casa pasiva ou Passivhaus é un tipo de vivenda optimizada para reducir todo o posible as necesidades enerxéticas.
- O deseño é unha das súas características principais, xa que están pensadas dende o inicio para optimizar ao máximo o consumo de enerxía.
- Illamento térmico: uso de grandes espesores para protexer tanto do frío como da calor.
- Eliminación de pontes térmicas e fiestras de máxima calidade co obxectivo de reducir ao máximo as filtracións de aire.
- Ventilación forzada: co obxectivo de reducir a humidade, manter a temperatura axeitada e manter o aire completamente filtrado.
- Orientación: as Passivhaus procuran aproveitar a orientación todo o posible para poder beneficiarse das vantaxes atmosféricas que as rodean.
Que é unha casa pasiva ou Passivhaus?
As Passive Houses, casas pasivas ou Passivhaus son vivendas cuxa construción e planificación está completamente ligada á localización. Nelas, é moi importante a orientación, os elementos construtivos de primeira calidade —para mellorar o illamento e reducir a demanda enerxética— e o uso de estruturas arquitectónicas innovadoras, co obxectivo de obter un aforro enerxético considerable en comparación cunha casa convencional.
As Passive Houses son vivendas que, dende a súa concepción arquitectónica, consideran coidadosamente factores como a orientación e localización, o deseño dos espazos, a circulación do aire, a superficie vidrada e a utilización de materiais de alta calidade. Todo iso co obxectivo de garantir un adecuado illamento e, desta forma, conseguir importantes aforros enerxéticos.
A Passivhaus Institut é a institución alemá que sentou o estándar de construción que hoxe coñecemos como certificación Passivhaus, e que se estendeu por todo o mundo. Berthold Kaufmann, científico da institución e propulsor desta corrente afirma: «A idea é que o aforro de enerxía non debe ser só cousa do usuario, senón que é algo técnico que pode e debe resolverse cos compoñentes da arquitectura e a través de coñecemento técnico».
Reducir o consumo de enerxía non debe depender unicamente de que nos abriguemos máis no inverno, baixemos o termóstato ou pasemos calor no verán: a arquitectura pode e debe axudar.
Seguindo os principios básicos do estándar Passivhaus, como o estudo da orientación solar e as condicións climáticas da contorna, ademais dun bo illamento térmico, contribuiremos a reducir a pegada de CO2 da edificación.
Como funciona unha casa pasiva?
O principio baixo o que funcionan as casas pasivas é reducir as necesidades enerxéticas antes de que sexa necesario cubrilas mediante outros sistemas de climatización.
Polo tanto, o primeiro que realizan os arquitectos e deseñadores especializados para crear este tipo de casas é un estudo pormenorizado da zona e das condicións atmosféricas predominantes. Desta forma, pódense controlar as diferentes variables coas que teñen que traballar, entre as que están as seguintes:
- Deseño adaptado e optimizado a múltiples variables: clima, orientación, tipo de terreo e subministracións enerxéticas da zona.
- Illamento, hermeticidade, fiestras eficientes e ventilación controlada. Neste sentido é moi habitual contar con sistemas de ventilación que permitan manter unha humidade controlada e eliminar os gases e as materias contaminantes do exterior para lograr un ambiente idóneo.
O obxectivo que se persegue é reducir primeiro as necesidades enerxéticas do edificio antes de cubrilas mediante os sistemas de climatización necesarios.
Principais características dunha casa Passivhaus
Entre as principais características dunha Passivhaus, podemos atopar as seguintes, todas relacionadas co concepto de eficiencia enerxética.
Illamento térmico
A utilización de espesores con maior illamento térmico que os indicados pola normativa permiten protexer mellor da calor e do frío. Así conseguimos reducir ao mínimo a necesidade de enerxía no inverno e protexemos da calor e da humidade no verán.
Eliminación de pontes térmicas
Un deseño pensado e ben aplicado garante a continuidade do illamento en todos os puntos da envolvente do edificio. Deste xeito evitamos as pontes térmicas ou puntos débiles por onde podería fuxir a enerxía. Ademais, tamén cómpre considerar aqueles puntos nos que rompe a superficie illante, por exemplo, por un cravo de mala calidade ou o marco dunha xanela de aluminio. A mala calidade das ferraxes ou fiestras favorecen as pontes térmicas e, por conseguinte, que escape a calor nun edificio ou nunha casa.
Fiestras de altas prestacións
Unha parte importantísima da enerxía que usamos para quentar unha vivenda foxe polas ventás. As portas e fiestras deben ser de altas prestacións, como fiestras con peche térmico e rotura de ponte térmica con gases de baixas emisións nas súas cámaras interiores entre cristais, así como marcos e perfís illantes. As casas pasivas estudan ao máximo como están orientados os vans da casa para poder optimizar a posición do Sol en cada momento. É importante colocalas adecuadamente para que o Sol poida quentalas no inverno e garantan un adecuado control da calor no verán.
Hermeticidade ao aire
É fundamental que a envolvente térmica estea limitada e controlada. Os ensaios de climatización realízanse para garantir que non haxa filtracións de aire non desexadas entre o interior e o exterior. Desta forma evítase a fuga de gran cantidade de enerxía da climatización. Ademais, elimínanse as correntes interiores de aire e a propagación de ruído no habitáculo dende o exterior ao interior.
Ventilación mecánica con recuperación de calor
A ventilación mecánica é o pulmón dos edificios pasivos. É a responsable de ventilar de maneira continua e equilibrada o interior dos edificios sen perder a enerxía (temperatura) destes. No intercambio de aire que se produce co exterior, ademais de recuperar a enerxía do interior, fíltranse as impurezas e bacterias presentes no aire interior e no exterior. Desta forma a calidade do aire que se respira é altamente superior á dunha casa tradicional.
Deseño e orientación da vivenda
O deseño e a orientación da vivenda é o punto de partida de calquera proxecto de Passivhaus, xa que outorgan moita importancia á localización dos terreos nos cales situaremos a vivenda para que estean protexidos do vento, conten cunha adecuada orientación solar para aproveitar ao máximo as horas de luz no inverno e reducir a exposición no verán. Alén diso, tamén se aproveitan as condicións climáticas da zona á hora de escoller as fontes de enerxía máis adecuadas para acondicionar a casa.
Que requisitos debe cumprir unha casa Passivhaus?
O estándar Passivhaus establece os criterios que deben cumprirse para obter a certificación de casa pasiva, homologada polo Passivhaus Institute. Estes criterios, que adoitan verificarse mediante unha certificación independente, sitúanse normalmente nos seguintes rangos enerxéticos:
- Demanda de calefacción: inferior a 15 kWh/m2 por ano.
- Carga de calefacción: inferior a 10 W/m2, como criterio alternativo cando procede.
- Demanda de refrixeración e deshumidificación: inferior a 15 kWh/(m2·ano) mais unha tolerancia variable calculada no estándar Passivhaus segundo clima, ventilación, cargas internas e humidade.
- Hermeticidade da vivenda: determinada segundo cálculos moi concretos establecidos pola propia certificación Passivhaus.
- Enerxía primaria non renovable: inferior a 120 kWh/(m2·ano), como criterio tradicional ou alternativo cando proceda ou sexa necesario polas necesidades específicas da zona ou contorna xeográfica.
Canto consume unha casa pasiva?
Como xa vimos no punto anterior, as casas pasivas contan con estándares de consumo, especialmente con respecto ao uso de enerxías que non sexan renovables. O obxectivo dunha Passivhaus é reducir a enerxía que consome de forma considerable tendo en conta os seguintes parámetros:
- Tamaño e tipo da vivenda: non é o mesmo introducir as necesidades dunha Passivhaus para un bloque de edificios, para unha vivenda unifamiliar ou para unha vivenda grande en restauración. En cada caso faranse os cálculos e o proxecto necesario para poder conseguir a maior eficiencia.
- Zona climática: as zonas climáticas marcan os tipos de materiais e as solucións construtivas e de climatización máis adecuadas para cada zona, así como a orientación da vivenda, segundo sexa necesario en cada caso.
- Deseño: o deseño é outra das claves para poder optimizar unha Pasivhaus e conseguir a máxima eficiencia enerxética. A colocación das fiestras, as portas ou o tipo de tellado que se deseñe teñen que ir orientados a rendibilizar ao máximo a enerxía dispoñible.
- Número de habitantes: o número de persoas que habiten a vivenda requirirá un tipo de subministracións ou outras en función do consumo enerxético. Para unha persoa pode abondar con quentar determinadas zonas mediante un toalleiro ou unha pequena calefacción eléctrica, porén, no caso dunha familia con fillos, precisaríanse fontes de subministración adicionais para a auga quente sanitaria, cociñar para máis persoas ou quentar varios cuartos no inverno.
- Equipamento: o equipamento da casa, como electrodomésticos, calefacción, o tipo de cociña que se utilice e o tamaño desta, afecta o consumo global da casa.
- Hábitos de consumo: coma no apartado do número de habitantes, cada unidade familiar ten uns hábitos propios que condicionan o consumo final, como o uso da auga quente sanitaria segundo a profesión ou a práctica de actividade física, o feito de cociñar na casa ou comer fóra, o número de horas que pasan na vivenda, ademais doutros factores que poden aumentar ou reducir as necesidades finais.
Vantaxes das casas pasivas
Entre as vantaxes das casas pasivas podemos salientar os seguintes aspectos:
- Menor demanda enerxética: ao contar cunha construción e materiais enfocados á reducir o consumo, diminúe considerablemente a demanda enerxética e, con iso, a factura anual das diferentes fontes de enerxía.
- Maior estabilidade da temperatura interior: a temperatura nunha Passivhaus debe ser estable para proporcionar o maior confort térmico tanto no inverno coma no verán. Isto débese a que a ventilación forzada da vivenda e a orientación da casa está pensada para reducir ao máximo as necesidades de calefacción e aire acondicionado.
- Maior confort térmico: en relación co punto anterior, gozar de temperaturas estables durante todo o ano contribúe a un maior confort.
- Redución de infiltracións de aire: este punto é clave porque na construción das Passivhaus se busca unha grande hermeticidade da vivenda e eliminar calquera infiltración de aire que prexudique ás condicións do interior, o que mellora o seu illamento.
- Renovación controlada do aire: as casas pasivas adoitan incluír sistemas de renovación controlada do aire, que permiten, mediante sistemas mecánicos, regular o aire do interior para eliminar impurezas. Desde xeito, mellora a súa calidade e permite que as diferentes estancias se manteñan aireadas.
- Menor dependencia dos sistemas de calefacción e refrixeración: ao contar cun deseño orientado a optimizar a temperatura, podemos reducir determinados sistemas de calefacción, e mesmo prescindir dos sistemas de aire acondicionado.
- Redución do consumo enerxético da vivenda: todas as medidas que enumeramos implican que a factura enerxética final das diferentes fontes de enerxía se reduza considerablemente, ademais de fomentar o uso de enerxías renovables como a enerxía solar, a eólica, a xeotermia ou o uso da biomasa.
Teñen inconvenientes as casas pasivas?
As casas pasivas obrigan a contar con profesionais máis especializados que manexen os estándares Passivhaus, sexan capaces de realizar a obra para poder conseguir o certificado Passivhaus, ter á súa disposición profesionais de diferentes gremios capaces de executar a obra con garantías, e sen defectos que leven a posibles filtracións de aire, con asentamentos adecuados e con bos niveis de acabado. Todo isto supón que o custo destas casas sexa superior, pero, ao longo do tempo, grazas á eficiencia enerxética, a factura verase moi reducida.
Casa pasiva fronte á casa convencional
Podes ver unha comparativa entre os aspectos máis relevantes na seguinte táboa:
| Aspecto | Casa pasiva | Casa convencional |
| Illamento | Moi elevado | Depende da construción |
| Hermeticidade | Moi controlada | Menor control de infiltracións |
| Ventilación | Mecánica e controlada | Natural ou mecánica |
| Demanda de calefacción | Moi reducida | Xeralmente superior |
| Demanda de refrixeración | Moi reducida | Xeralmente superior |
| Deseño enerxético | Elemento central do proxecto | Variable segundo a vivenda |
Que calefacción pode ter unha casa pasiva?
O máis destacado das casas pasivas é que a vivenda precisa moita menos enerxía para climatizalas. A partir de aí, pode utilizar distintos sistemas segundo o proxecto e a instalación dispoñible. Dado que estamos a falar dunha vivenda con deseño bioclimático, é importante saber que o uso da calefacción é mínimo, xa que aproveita o resto de recursos dispoñibles, como a ventilación mecánica continua e o illamento térmico, que a mantén protexida das grandes xeadas ou da humidade procedente da choiva. Tamén se aproveita a luz solar directa sobre a casa para poder quentala.
En canto á calefacción de gas, unha casa pasiva xa a inclúe como opción enerxética.
Unha casa Passivhaus necesita placas solares?
Non, as placas solares non son indispensables para que unha casa sexa considerada como Passivhaus. Aínda que é unha enerxía renovable que se adoita utilizar nas casas polo seu fomento do autoconsumo e a capacidade de almacenamento grazas ás baterías, a conveniencia de instalar placas e outros sistemas dependerá das características e necesidades do proxecto.
Pódense abrir as fiestras nunha casa pasiva?
Si, pódese facer sen ningún problema. Aínda que contemos coa ventilación mecánica para renovar o aire sen necesidade de abrir as fiestras, os habitantes dunha casa poden abrir as fiestras cando queiran.
Pódese converter unha vivenda existente nunha casa pasiva?
Si, unha vivenda xa construída pode converterse nunha casa pasiva grazas a determinadas modificacións e a certificacións semellantes ás que xa existen para as Passivhaus. EnerPHit é unha certificación creada polo Instituto Passivhaus para a rehabilitación enerxética de edificios existentes. As bases que rexen este certificado, e o de calquera tipo de rehabilitación de vivendas que queiran converterse en Passivhaus, está baseado nos principios que xa vimos: illamentos de alta calidade que permitan manter a vivenda sen correntes de aire, hermeticidade, fiestras eficientes con rotura de ponte térmica e ventilación controlada.
Preguntas frecuentes
- Que é unha casa pasiva?
As Passive Houses, casas pasivas ou Passivhaus son vivendas construídas cunha serie de estándares relacionados co deseño da casa, a localización, a hermeticidade e o illamento, co obxectivo de obter un aforro enerxético considerable en comparación cunha casa convencional. - Que significa Passivhaus?
Passivhaus significa casa pasiva: é a casa que optimiza todas as posibilidades construtivas e de deseño a prol da eficiencia enerxética. - Passivhaus e Passive House son o mesmo?
Son o mesmo con dous nomes distintos: casa pasiva. Passivhaus é o nome que se lle deu en orixe, xa que procede do alemán. - Canto consome unha casa pasiva?
O consumo dunha casa pasiva non se pode determinar de maneira universal, xa que cada unha ten unhas necesidades concretas e unha localización específica. Ademais, cada tipo de familia ou persoa que habite a casa tamén ten os seus hábitos de consumo concretos. - Unha casa pasiva precisa calefacción?
Unha casa pasiva pode precisar calefacción, pero a súa demanda é moi reducida e dependerá do clima, do edificio e do uso. - Pódense abrir as fiestras nunha casa Passivhaus?
Abofé, tanto as portas como as fiestras poden permanecer abertas mentres que se respecten as necesidades enerxéticas da casa. - Unha casa Passivhaus necesita placas solares?
Non necesariamente. Unha Passivhaus utilizará os recursos necesarios para a contorna na que estea, moi marcada pola climatoloxía. - Que diferenza hai entre unha casa pasiva e unha casa convencional?
A diferenza fundamental radica na eficiencia enerxética que proporciona a orientación, ademais do deseño e a calidade dos materiais, que permiten reducir moito o consumo final da casa. - Pódense aplicar os criterios Passivhaus a unha vivenda antiga?
Abofé, mediante o estándar Enerphit, teremos as indicacións necesarias para poder afrontar a rehabilitación dunha casa antiga aos estándares do Passivhaus.


