Unha crise enerxética prodúcese cando un país ou rexión entra en escaseza dunha determinada fonte enerxética. Isto provoca un aumento de prezo repentino que ameaza a todos os sectores involucrados no uso desta enerxía.
Resumo rápido
- Definición: unha crise enerxética sucede cando a demanda de enerxía supera a oferta dispoñible, o que provoca aumentos bruscos de prezos que impactan en fogares e empresas.
- Contexto 2026: España e Europa viviron entre 2022-2024 a maior crise enerxética en décadas, con prezos récord en electricidade e gas. Aínda que a situación se estabilizou, persisten riscos xeopolíticos e climáticos.
- Impacto real: aumento sostido das facturas enerxéticas, presión inflacionaria xeral e situacións de vulnerabilidade enerxética en numerosos fogares españois.
- Solucións clave: diversificación enerxética, aforro mediante eficiencia, apoio institucional e desenvolvemento de enerxías renovables locais.
- O papel de Nedgia: traballamos no desenvolvemento do gas verde na rede gasística española e promovemos a independencia enerxética e a economía circular mediante gas renovable 100 % sostible.
Que é unha crise enerxética?
Unha crise enerxética é a imposibilidade de satisfacer a demanda de enerxía dun país ou un sector concretos. Esa imposibilidade tradúcese finalmente nun aumento dos prezos ao converterse os recursos dispoñibles en inexistentes ou moi escasos e ter que pagar moi cara a subministración dunha determinada enerxía.
Cando, ademais, non existen reservas no país ou no sector da economía concreto que require desa enerxía, tradúcese nunha suba de prezos xeneralizada. Isto acaba repercutindo nos prezos aos que outros sectores, non relacionados coa enerxía, teñen que vender as súas mercadorías ou servizos, e xera unha espiral que pode desembocar nunha crise económica estrutural. No caso concreto de España, podemos sinalar este feito como fundamental, xa que depende do gas do exterior para poder prover a rede gasística nacional.
Causas principais dunha crise enerxética
Escaseza de materia prima enerxética
No caso de determinadas enerxías, como os combustibles tradicionais, cando se produce a escaseza é cando se desencadea a crise: non se pode abastecer a todos os consumidores e soben os prezos. Ás veces, a escaseza de materia prima é debida á aparición de determinados avances, como sucedeu co plástico, que levou ao aumento da demanda de petróleo e a conseguinte suba de prezos. É un exemplo claro de que o crecemento económico pode levar aparelladas crises enerxéticas cando non se contan con alternativas enerxéticas. Dende a crise en Inglaterra no século XVIII pola escaseza da madeira na illa, ata crises máis recentes, como a que estamos a vivir coa gasolina ou o gasóleo, na cal, mesmo tendo reservas suficientes nos países que nos provén de materia prima, prodúcese unha suba de prezos por mor de cuestións políticas ou meramente de política monetaria ao aboarse habitualmente en dólares.
Un exemplo moi claro para ver a dependencia de materia prima como xa mencionamos é o do plástico, que consome ao redor dun 10 % das reservas mundiais de petróleo. Canto maior sexa a demanda de produtos procedentes do plástico nun determinado país maior será a demanda de petróleo. Esta pode chegar a situacións nas que a demanda da materia prima por parte dun sector concreto, neste caso o do plástico, desabasteza outros sectores con igual dependencia, pero con menos recursos económicos, como, por exemplo, o transporte.
Conflitos xeopolíticos e dependencia enerxética exterior
Unha crise pode ser consecuencia directa dunha guerra. En determinados momentos, os países provedores de determinadas materias primas deciden cortar a subministración a países dependentes. Isto implica procurar novos países provedores que, aproveitando a conxuntura, elevan os prezos. A crise máis coñecida foi a crise do petróleo, que comezou en 1973, e resultou como consecuencia directa do embargo do petróleo de Oriente Medio aos países occidentais. A crise que vivimos nestes tempos é moi semellante a esta e débese tamén a que as reservas existentes de petróleo están a ser dosificadas por parte de determinados países.
Sobrecargas puntuais e picos de demanda
Este caso é moi típico no mercado eléctrico: cando se producen excesos de demanda, a rede cae e causa unha crise enerxética. Isto leva a determinadas industrias a ter que recorrer a provedores de emerxencia, que, cos seus propios xeradores, facilitan que estas industrias permanezan en funcionamento, pero con desembolsos adicionais.
Cambio climático e vulnerabilidade de recursos renovables
O cambio climático tamén implica crises enerxéticas. Un bo exemplo témolo na enerxía hidroeléctrica, a cal, co descenso do nivel da auga nos pantanos, viu reducida a súa capacidade de xeración de enerxía.
Transición enerxética descoordinada e crecemento económico
Outro dos factores clave na actualidade está a ser a incapacidade de poder determinar un mix de enerxías adecuado ás necesidades actuais. O peche de centrais térmicas e nucleares sen contar con alternativas, o exceso da demanda industrial en determinados países ou rexións en crecemento e a falta de planificación están a facer que se orixinen crises enerxéticas, principalmente por non abordar de firme o reto da descarbonización. A este paradoxo denomínaselle no sector enerxético como trilema enerxético: a enerxía é responsable a ámbito medioambiental, pero á vez accesible para o consumidor final.
Como afecta unha crise enerxética a empresas e fogares?
Impacto en fogares españois
O impacto dunha crise enerxética tradúcese basicamente nunha maior pobreza enerxética naqueles fogares máis vulnerables ou que mostren maior dependencia de determinadas fontes de enerxía, como poidan ser neste momento as procedentes da gasolina ou o gasóleo. Esta pobreza enerxética ocasiona, en resumo, problemas para poder quentar os fogares, o transporte ao lugar de traballo ou outras actividades, como a capacidade de cociñar e calquera labor relacionado co uso de enerxía. Cando esa situación se cronifica, dá lugar ao que chamamos pobreza enerxética. A pobreza enerxética é unha situación á que nos adoitamos referir coloquialmente e nos ámbitos de servizos sociais. Esta engloba aqueles fogares que non poden contar con recursos enerxéticos dabondo para poder satisfacer as necesidades domésticas, ou que se ven obrigados a dedicar unha gran parte dos seus ingresos a afrontar o gasto enerxético das súas vivendas. Isto colócaos nunha situación de ‘pobreza relativa’ ao diminuír a súa capacidade de afrontar outros gastos.
Impacto en empresas e industria
O impacto nas empresas dunha crise enerxética tradúcese fundamentalmente nunha crise interna en canto aos prezos. Para saber como trasladalos ao cliente final, calquera empresa que conte con contratos a longo prazo, verase obrigada, ademais, a asumir ese sobrecusto enerxético que a longo prazo pode supor a procura de novas fontes de enerxía ou a desaparición da empresa. Un bo exemplo son as empresas que dependen da enerxía eléctrica para poder fixar os seus prezos, como as lavandarías industriais, as empresas de conxelados ou a fabricación de xeo. Nelas, o 90 % do prezo vén fixado polo custo da electricidade, e calquera variación drástica nos prezos pode xerar desaxustes na demanda ao subir os prezos e acabar finalmente con estas empresas. Noutros casos, directamente, óptase pola deslocalización desas empresas a países con enerxías máis baratas. Por exemplo, no sector do aluminio e o aceiro, as políticas europeas están a contribuír a que moitas empresas decidan ir substituíndo a industria española por países como India e China, con custos máis axustados. Neste momento, a Unión Europea está facendo xustamente o contrario, incentivar as comercializadoras e distribuidoras de enerxía eléctrica para que se mellore o ciclo económico na venda de vehículos eléctricos ou a permanencia de industrias que dependen da enerxía eléctrica.
Solucións ante unha crise enerxética: medidas actuais e futuras
Medidas gobernamentais e institucionais
As medidas que se poden tomar a ámbito institucional son as subvencións e axudas a fondo perdido. Dende o bono social no sector eléctrico ás axudas directas mediante unha subvención do prezo, no caso do sector petrolífero, os gobernos adoptaron diferentes medidas para poder aliviar as crises enerxéticas en colaboración coas empresas subministradoras. Non está demostrado que a longo prazo solucionen o problema e, en moitas ocasións, conseguen aumentalo. O único caso no que o consumidor ou as empresas subministradoras non ven alterado o prezo do ben é nos impostos indirectos, como o IVE, que poden reducirse para minorar a factura final de cara aos consumidores, medida que se tomou recentemente na crise enerxética actual por mor da guerra entre os Estados Unidos e Irán. Cómpre lembrarmos que determinadas empresas dependen do custo da enerxía como medio de subsistencia e non poden afrontar a suba do prezo sen xustificación, o que forza ás diferentes administracións a tomar medidas respecto diso.
Entre as medidas máis concretas, podemos atopar o bono social eléctrico e o bono social térmico. Para obtelos, cómpre acreditar determinada vulnerabilidade a ámbito familiar mediante os ingresos e o número de membros da unidade familiar. O fin é establecer tramos de desconto na factura final e que se concedan os descontos en factura, que poden ir do 35 % para consumidores vulnerables e do 50 % para consumidores vulnerables graves.
Aforro e eficiencia enerxética
Outras das opcións en caso de crise enerxética é fomentar o aforro de enerxía, usar transporte público e transportes que non requiran combustible, ou que supoñan deixar o coche na casa; aforro nas empresas e nas casas particulares mediante limitacións horarias e outras medidas que contribúan ao aforro; uso de contadores intelixentes para poder monitorear o consumo en tempo real e aprender a facer un uso máis concreto; reducir a presenza en oficinas para realizar teletraballo ou mellorar a eficiencia enerxética dos fogares e as empresas mediante programas de rehabilitación enerxética. Ademais, podes consultar todas as medidas que podemos tomar, como as medidas de aforro enerxético, nesta entrada do noso blog.
Tamén podes utilizar a nosa calculadora de aforro para saber canto podes chegar a aforrar de instalares o gas natural con respecto a outras fontes de enerxía.
Diversificación de fontes enerxéticas e renovables
O uso de enerxías renovables é clave para eliminar a dependencia enerxética e evitar as crises enerxéticas. Ademais de non contribuír ao cambio climático coa xeración de novas emisións de CO2, as enerxías renovables adoitan aproveitar as vantaxes de cada país para explotar os seus propios recursos. O caso do gas verde é un bo exemplo en España: consegue xerar a nosa propia enerxía e envorcala á rede, e achéganos autonomía e control sobre o prezo en tempos de escaseza doutras fontes enerxéticas.
Gas renovable e biometano: solución local e sostible
España sitúase no oitavo posto mundial con maior capacidade renovable. Tal e como confirman as cifras do anuario estatístico da capacidade renovable que realiza a Axencia Internacional de Enerxía Renovable (IRENA), España posúe 59.108 MW de potencia instalada renovable.
As enerxías renovables xeran o 40 % da electricidade dispoñible actualmente e estímase que, para o ano 2050, superarán os combustibles tradicionais.
En Nedgia queremos contribuír de forma decidida a este cambio e xa incorporamos na nosa rede gasística española o biometano ou gas verde, procedente de diferentes tipos de residuos, un gas sostible, respectuoso co medio ambiente e que se produce de maneira local.
De feito, España ten o terceiro maior potencial de produción de biometano en Europa, o que posibilita xerar unha enorme riqueza para o conxunto do país e para aqueles territorios que concentran un maior volume de residuos. España conta cun potencial moi alto de produción de biogás e, por tanto, de distribución de biometano. Segundo SEDIGAS, a Asociación Española do Gas, España conta cun potencial total accesible de 163 TWh/ano de biometano, o que implica construír unhas 2.300 plantas distribuídas por todo o territorio nacional. En termos económicos, estímase un investimento total de 40.495 millóns de euros, que representa un 3,61 % do PIB nacional, e xerarían uns 62.000 empregos directos e indirectos asociados á súa operación e mantemento. Mentres que outras compañías enerxéticas teñen proxectos de biogás en fase de estudo, Nedgia xa está traballando en liña coa “Folla de ruta para o biogás”, marcada polo IDAE para o 2030, que pretende multiplicar case por 4 a produción de biogás. En Nedgia contamos con 16 plantas que xa están inxectando biogás á rede gasista, a cal podes consultar no noso portal de sostibilidade.
Autonomía enerxética: autoconsumo e sistemas eficientes
A autonomía enerxética é posible na actualidade, aínda que conta con limitacións e é difícil de implementar para a maior parte dos usuarios. Algún destes sistemas son usar baterías para almacenar enerxía, crear comunidades enerxéticas que agrupan veciños e empresas para xerar a súa propia enerxía e repartila entre eles mesmos, e os sistemas híbridos que combinan enerxías, como a eólica e a solar co gas verde.
Ademais, sempre hai que sinalar a importancia de utilizar sistemas de climatización eficientes, como as caldeiras de condensación de gas natural, as bombas de calor de alta eficiencia e os sistemas radiantes de baixa temperatura, como os chans radiantes ou os radiadores especiais.
Crise enerxética en 2026: onde estamos?
A evolución dende a anterior crise 2022-2024 foi desigual entre países e, nalgúns casos, como o de Francia ou Alemaña, optouse por potenciar a enerxía nuclear. Noutros, como o de España, estase a reducir a dependencia de terceiros países co desenvolvemento do gas verde e a implantación masiva da enerxía solar e eólica para reducir a dependencia de Rusia. Na actualidade, e coa guerra actual entre Irán e os Estados Unidos, repetiuse este escenario, o que causou subas de prezo, principalmente no combustible para automóbiles.
Neste sentido, cómpre rescatar o concepto de índice de transición enerxética, que establece a capacidade dos diferentes países para cumprir co Acordo de París e que acordou o Foro Económico Mundial. O Acordo de París é un tratado vinculante que se asinou para loitar contra o cambio climático. Contén unha serie de indicadores que deben cumprir os diferentes países pertencentes á ONU e fixa unha serie de medidas que tamén deben cumprir. Entrou en vigor o 4 de novembro de 2016 e vincula 55 países.
O índice de transición enerxética é elaborado sistematicamente por terceiras partes, como consultoras ou empresas de investigación, para garantir a transparencia e o cumprimento do índice. Con iso, o que se trata finalmente é de establecer un ránking mundial e fixar, cunha determinada periodicidade, determinados obxectivos para acelerar a transición enerxética.
Neste sentido, é conveniente sinalar que se articulou un novo programa de medidas para contribuír á descarbonización co paquete “Fit for 55”, que é a folla de ruta lexislativa da Unión Europea para reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro en polo menos un 55 % para 2030 (respecto a niveis de 1990). O seu obxectivo é asegurar que a UE cumpra coa neutralidade climática en 2050.
Preguntas frecuentes sobre crise enerxética
- Que é unha crise enerxética?
Unha crise enerxética prodúcese cando un país ou rexión entra en escaseza dunha determinada fonte enerxética. Isto provoca un aumento de prezo repentino que ameaza a todos os sectores involucrados no uso desta enerxía. - Cales son as principais causas da crise enerxética actual?
As principais causas son as seguintes:- Os conflitos xeopolíticos, coa súa repercusión no abastecemento e os prezos da enerxía.
- A escaseza de recursos debido ao consumo e o aumento de poboación.
- O cambio climático, por mor da necesidade de descarbonización e á procura de novas fontes de enerxía. Esta necesidade de transición cara a novas fontes de enerxía, xunto coas novas realidades medioambientais, como as secas, que impiden o desenvolvemento doutras enerxías, fai que se produzan crises enerxéticas con frecuencia.
- Os picos de demanda.
- A transición enerxética descoordinada. Como xa dixemos, o famoso trilema enerxético fai que dende as compañías comercializadoras e distribuidoras sexa obrigatorio desenvolver novas fontes de enerxía, compatibles cos obxectivos Fit for 55.
- Como afecta a crise enerxética aos prezos da luz e do gas?
No caso da luz, o prezo fíxase mediante unha poxa na que os provedores ofrecen a súa enerxía e as comercializadoras cómprana, casando a oferta e demanda. Aí estarían todos os provedores de enerxía, dende os de nuclear aos de enerxías procedentes de combustibles ou carbón. Porén, sempre se prima a procedente das enerxías renovables á hora de establecer os prezos, que se fixan hora por hora. Con respecto ao prezo do gas, vese máis influenciado pola oferta e a demanda mundial, e conta con recursos como a tarifa TUR para axudar a unha fixación estable de prezos. - Que medidas podo tomar no meu fogar para reducir o impacto dunha crise enerxética?
As medidas que podes tomar nun fogar ou empresa englóbanse ao redor da eficiencia enerxética. Esta baséase na optimización das instalacións existentes, os hábitos de consumo, o illamento adecuado e a incorporación de sistemas eficientes, como os smart meters, ou contadores intelixentes. - O gas renovable pode axudar a resolver as crises enerxéticas?
O gas renovable ou gas verde é unha alternativa indispensable para liquidar gran parte dos problemas de dependencia enerxética e crise xeopolíticas, o que evita depender de fontes de enerxía procedentes doutros países. O gas verde, ademais, é unha alternativa sostible e que respecta o medio ambiente. Se queres estar ao día de todas as noticias relativas o gas verde, convidámoste a seguir a nosa sección Actualidade Nedgia. - Cando se estima a fin da crise enerxética?
A crise enerxética é difícil de prever, pero se aceleramos a transición enerxética e reducimos a vulnerabilidade das fontes estranxeiras estaremos en mellor posición para poder afrontar as futuras crises enerxéticas.


